250 escolares de Ferrol enfróntanse a un reto tecnolóxico e creativo

luns, 19 de maio do 2025 Redacción

O Pavillón de Esteiro acolleu esta mañá unha xornada na que preto de 250 estudantes de 5º e 6º de primaria de centros educativos de Ferrol se enfrontaron a un reto tecnolóxico e creativo: reconstruír a máxica e imaxinaria Ponte das Estrelas con bolígrafos 3D e montar un puzzle tridimensional co mesmo sistema de fabricación aditiva.
A actividade, titulada O Camiño de Santiago con Tecnoloxía, está integrada no proxecto Polos en Marcha, que lidera a profesora da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF) da Universidade da Coruña, Elena Arce, e que conta co financiamento da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT), dependente do Ministerio de Ciencia e Innovación.
Durante a mañá, os escolares do CEIP Plurilingüe San Xoán de Filgueira, do Colexio de Belén, do Colexio Cristo Rey e do Colexio Tirso de Molina convertéronse en auténticos gardiáns do Camiño, acompañados polo Mestre do Bastón, un dos seus protectores lendarios. O seu obxectivo era recuperar a Ponte das Estrelas, desaparecida misteriosamente nun punto do Camiño Inglés ao seu paso por Ferrolterra, o que impedía continuar a peregrinación cara a Compostela.
Dividido en grupos, o alumnado de 6º curso deseñou e construíu un total de 28 pontes, todas elas con capacidade para soportar o peso dun boneco con forma de peregrino, tamén impreso en 3D. Mentres, os estudantes de 5º enfrontáronse ao desafío de montar un cubo a partir dun quebracabezas, resolvendo para iso pequenos enigmas vinculados ao Camiño de Santiago que lles fornecían pistas sobre a colocación das pezas.
Segundo explicou Elena Arce, a actividade permitiu ao alumnado «comprender mellor as fases dun proxecto tecnolóxico e a importancia de seguir instrucións detalladas para acadar un obxectivo común», ao tempo que reflexionaban sobre procesos como o deseño, o prototipado ou a execución. Arce destacou tamén que iniciativas coma esta fomentan tanto competencias técnicas (como a lóxica espacial, a resolución de problemas ou o manexo básico de ferramentas dixitais) como outras máis transversais: a creatividade, o pensamento crítico ou o traballo en equipo.