4 xogos de Xbox 360 melloran os seus gráficos en Xbox One X

martes, 27 de febreiro do 2018 Marcus Fernández

Entre as bondades da Xbox One X destaca o feito de que a última consola de Microsoft non se limita a amosar mellor os xogos máis modernos, senón que tamén presta atención aos títulos retrocompatibles de Xbox 360, que de estaren preparados permiten gozar dos vellos xogos cunha resolución superior e, sen mudar o código dos xogos, contar cun nivel de melloras gráficas máis propias dunha remasterización, e precisamente hoxe mesmo hai 4 grandes xogos que se suman aos que reciben este tratamento: The Witcher 2: Assassin’s of Kings, Forza Horizon, Fable Anniversary e Crackdown.
Que xa teña algún destes xogos de Xbox 360, non só pode xogalos en Xbox One, senón que de contar cunha Xbox One X poderá gozalos como non os viu nunca. Outros xogos de Xbox 360 que tamén están optimizados para Xbox One X son Assassin’s Creed, Fallout 3, Gears of War 3, Halo 3, Mirror’s Edge, Oblivion e Skate 3.
Os usuarios de Xbox One X poden elixir se xogar á versión con gráficos mellorados dos xogos de 360 ou reproducilos na súa forma orixinal, estando a versión mellorada activada de xeito predeterminado, o que permite gozar de maior resolución, texturas máis detalladas e antialiasing.
As consolas Xbox One tamén están a recibir xogos da Xbox orixinal como retrocompatibles, facendo que esta plataforma sexa todo un exemplo a este respecto, por permitir que os usuarios gocen de xogos de anteriores xeracións sen ter que volver pasar por caixa como acontece coas consolas de Sony e Nintendo.

PUBLICIDADE