8BitDo presenta un mando deseñado para o xogo na nube de Microsoft
luns, 6 de xullo do 2020
A
versión preliminar de Project xCloud está dispoñible no noso territorio
para dispositivos con Android, recomendándose o seu control con mandos
orixinais de Xbox One con Bluetooth, para os que pode resultar práctico
adquirir un soporte que facilita
a colocación do noso smartphone sobre o mando, pero os que prefiran non
sacrificar un mando de consola para xogar en mobilidade dende 8BitDo están a
preparar unha variante do mando
SN30 Pro para Android que inclúe o clip correspondente para o smartphone, que
sairá á venda o 21 de setembro e xa está aberta a súa reserva a un
prezo superior aos 40 euros.
Estamos ante un mando cunhas dimensións máis propias do mando dunha Super
Nintendo, pero incorporando todos os botóns, pancas de xogo e gatillos dun
mando de Xbox One, de xeito que os xogos de consola poden controlarse sen
problema con este mando Bluetooth que conta cunha batería de 480 mAh que permite
gozar de até 18 horas de xogo con 1-2 horas de carga por USB-C.
Cómpre lembrar que aínda que esteamos ante un mando coa estética da Xbox One, non
deixa de ser un mando Bluetooth ordinario, de xeito que pode aproveitarse para
moitos outros usos que para gozar do xogo na nube de Microsoft, polo que a súa
compra pode resultar moi práctica como simple mando de xogo, e incluso para o
seu aproveitamento con outros servizos de xogos na nube como Stadia.
- O novo mando de 8BitDo inclúe un clip para colocar o smartphone sobre o controlador de xogo