A 16 edición de Play-Doc acadou máis de 15.000 visualizacións en streaming

martes, 10 de novembro do 2020 S. P.

O equipo organizador do Festival Internacional de Cinema de Tui, Play-Doc, que se celebrou o pasado mes de setembro apostando fortemente polas ferramentas online, fixo balance dos froitos acadados na súa edición 2020, sen dúbida a máis dixital da súa historia. Segundo fixeron saber os directores do certame, Sara García e Ángel Sánchez, malia as medidas restritivas de aforamento, “as actividades programadas tiveron unha gran afluencia de público consolidando as súas cifras de asistencia”, conseguíndose por exemplo 1.883 espectadores. Polo que se refire ás proxeccións a través da Rede, o festival foi quen de ampliar o seu alcance a todo o territorio nacional grazas á súa versión online impulsada en colaboración coa plataforma de streaming Filmin chegando a máis de 15.000 visualizacións en tan só 10 días.
Máis 60 películas procedentes de 21 países conformaron unha programación na que se puido gozar das obras de realizadores noveis, importantes estreas, así como retrospectivas e ciclos especiais dedicados a cineastas consagrados e xoias ocultas do cinema nacional e internacional.
Ao mesmo tempo que fixo balance, a organización do Play-Doc abriu xa a nova convocatoria para a recepción de traballos con vistas á súa edición 17ª, que está prevista para 2021. Na web do festival xa se poden consultar os requisitos para a inscrición de proxectos.
Play-Doc Festival é posíbel grazas ao apoio da Xunta de Galicia, Xacobeo 21, AGADIC, Deputación de Pontevedra, Concello de Tui, ICAA, Instituto da Cinematografía e das Artes Audiovisuais, Estrella Galicia, Gadis, AC/E Acción Cultural Española, e outras entidades públicas e privadas.

PUBLICIDADE