A 6ª edición de RetroCoruña terá lugar o 13 de decembro

venres, 14 de novembro do 2014 Marcus Fernández

A feira RetroCoruña chegará este ano á súa 6º edición no Pavillón Municipal de Sada, pero mudando a súa data do verán até o mes de decembro, de xeito que este ano os amantes da informática clásica daranse cita o sábado 13 de 11:00 a 21:00 horas.
Esta nova edición do encontro sadense celebra os 30 anos do xogo Tetris (como pode verse no seu cartel oficial) e tamén dos ordenadores Mactintosh, de aí que Antonio Rodríguez da Asociación de Usuarios de Informática Clásica (AUIC) vaia impartir unha charla co título El camino hacia el Macintosh, no que fará un achegamento ao mundo Mac orixinal, cando Apple aínda non se metera no mundo da electrónica de consumo.
Como en edicións anteriores, o evento destaca pola súa zona de exposición, na que xa confirmaron a súa presenza Clone Computers, JoJo073, HTDreams, Caramel Cute Shop, Comunidad Ociorum, Hipsilon, La Retrocaverna, Web8Bits, a AUIC e o estudio galego de videoxogos Akkad Studios.
Como novidade inaugurarase unha Zona PC na que poderanse lembrar os videoxogos clásicos que puideron gozarse nos primeiros ordenadores persoais, que van dende o Duke Nukem e Prince of Persia, até os títulos de Lucasfilm como Maniac Mansion ou X-Wing.
Tamén teñen previsto organizar unha Counter Strike LAN Party da que darán conta nas vindeiras semanas.

RetroCoruña contra tradicionalmente cunha completa área de exposicións

PUBLICIDADE