A AETG celebra un seminario virtual sobre acústica e tecnoloxías

xoves, 9 de xullo do 2020 S. P.

A Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (AETG) organiza ás 17.00 horas, un webinar sobre as Esixencias da acústica actual. A sesión, co fin de garantir a seguridade sanitaria das e dos participantes levarase a cabo de xeito online, a través da plataforma Zoom. Respecto da temática a tratar, abordarase a cuestión da contaminación acústica, a normativa existente e as posíbeis solucións tecnolóxicas ás esixencias actuais.
O seminario virtual comezará ás 17.00 horas, coa conexión telemática dos asistentes e coa presentación, pouco despois, a cargo de Julio Sánchez Agrelo, presidente e decano da AETG e do COETG, respectivamente. A continuación intervirá Jesús Uriol Chavarriga, director executivo (CEO) da firma AA Smart Acústica, que afondará no fío temático do seminario para dar paso, sobre as 18.00 horas, á quenda de consultas e preguntas.
O acto está organizado pola Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (AETG) e enmárcase no plan de accións de difusión de 2020, en virtude do convenio coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), para a posta en marcha de actividades para o fomento da Sociedade da Información durante o ano 2020.

PUBLICIDADE