A AETG e AMTEGA mostran este mércores as expectativas de todos os axentes implicados no desafío 5G

martes, 26 de xuño do 2018 Fernando Sarasketa

Este 27 de xuño toca falar da nova xeración de tecnoloxía móbil, a 5G, e de todas as cousas que agardamos que traia (e de todas as que nos gustaría que deixase atrás). Estamos a falar do foro Oportunidades e retos das redes 5G, organizado pola Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (AETG) e máis a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA). Segundo indica a asociación profesional que preside Julio Sánchez Agrelo, trátase do primeiro foro de debate en Galicia sobre o marco no que se desenvolverán as redes 5G, o impacto que terán na sociedade galega, os principais retos para a súa implantación e o potencial do hipersector TIC galego para situarse neste contexto tecnolóxico emerxente.
A cita será na Cidade da Cultura, en Santiago, e nela participa a punta de lanza dos operadores e fabricantes dos mercados estatal e europeo e, tamén, algunha das administracións públicas máis directamente implicadas.
O encontro, engade a AETG complementando a información que achegamos os días pasados sobre o foro dende Código Cero, diríxese a mostrar e compartir os puntos de vista, as inquietudes e as expectativas “de todos os axentes implicados”. Por este motivo, está estruturado en diferentes bloques para dar voz a operadores, fabricantes, clientes, administracións públicas e entidades que están a traballar xa en iniciativas de 5G.
Como punto de partida o primeiro bloque do encontro será un relatorio sobre que son as redes 5G da man de José Carlos López Ardao, profesor da Escola de Enxeñería de Telecomunicación da Universidade de Vigo.
O segundo bloque abordará o marco estratéxico ante o desafío 5G co relatorio dun representante da Secretaría de Estado para a Sociedade da Información e a Axenda Dixital.
De seguido celebrarase unha mesa redonda na que Antonio Fernandez, responsábel do Programa Innovación 5G produto en PSA; Benigno Rosón, subdirector xeral de Sistemas e Tecnoloxías da Información da Consellería de Sanidade; e Ana Ulloa, xefa de Explotación en Autoridade Portuaria de Vigo, abordarán as posibles aplicacións, as oportunidades e os beneficios que esperan do desenvolvemento das redes 5G en Galicia.
O terceiro bloque centrarase nas perspectivas das redes 5G desde a visión dos operadores e os fabricantes. Didier Clavero, responsábel de Data Core Vodafone; Tomás Alonso, director de Enxeñería de Produto de Orange; Javier Gutiérrez, director de Estratexia e Desenvolvemento de Rede e Infraestruturas de TI de Telefónica; e Norberto Ojinaga, director de Rede de R, exporán o papel que desempeñarán as 5G na economía e a sociedade e as perspectivas e problemáticas que ven sobre o seu despregamento.
A mesa redonda dos fabricantes achegará a súa visión do futuro das redes 5G e as posibilidades de uso coa participación de Iván Rejón. responsábel de mercadotecnia, comunicacións e relacións coa industria e os gobernos de Ericsson; Álvaro Sánchez, responsábel de Telefónica Account at Nokia; José Capote, xefe de vendas de solucións integradas de Huawei Technologies; e José Nicolás Domínguez-Staedke, xefe de desenvolvemento de negocio e estratexia en Colmena.
O cuarto e último bloque servirá para expoñer iniciativas específicas de uso do 5G da man de entidades que están xa desenvolver solucións concretas. Nesta mesa participan Francisco Sánchez Pons, director de ITS e Electrónica en CTAG; Yudani Riobó, responsábel de Innovación en Quobis; Luis Pérez Freire, director xeral de Gradiant e Céctor Estévez, director xeral de Centum Research & Technology.
A celebración deste foro enmárcase nas iniciativas promovidas pola Axenda Dixital de Galicia 2020, que ten como obxectivo prioritario contribuír a transformación dixital da Comunidade.

PUBLICIDADE