A AMTEGA e FEGAUS achegan a banca dixital aos maiores
mércores, 11 de setembro do 2024
A AMTEGA e a Federación Galega de Asociacións Universitarias Séniors (FEGAUS) poñen en marcha unha nova edición do programa formativo para achegar o uso da banca en liña ás persoas maiores. A primeira das cinco xornadas previstas comeza mañá na aula CeMIT de Arzúa. O ciclo formativo continuará ata mediados de outubro nas de Vilar de Santos, Leiro, A Estrada e Vigo.
Son sesións presenciais, cunha duración de 60 minutos, que se retransmiten tamén a través da Rede, co asesoramento dos dinamizadores das aulas CeMIT, e ademais poderán seguirse a través de CanalSénior. En cada unha delas explicarase de xeito práctico como realizar paso a paso operacións con caixeiros automáticos e trámites online.
Estes seminarios, especialmente orientados ás persoas maiores con foco na contorna rural, compleméntanse con materiais adicionais como videopÃlulas, podcasts, infografÃas co paso a paso dos trámites explicados nas sesións de inspiración e xogos.
Os contidos formativos preséntanse de xeito sinxelo e abranguen as compras en liña, como interactuar co banco mediante intelixencia artificial, os dereitos dos usuarios na era da banca dixital, o aluguer de vehÃculos e outros servizos da banca dixital, como a contratación de seguros ou préstamos a través do móbil.
Os interesados en participar de xeito presencial poden poñerse en contacto cos responsables das aulas CeMIT nas que se celebra cada seminario ou inscribirse a través do portal da Rede CeMIT.