A Asociación PuntoGal recibirá o Premio da Cultura Galega da Lingua 2013

luns, 28 de outubro do 2013 Marcus Fernández

O xurado dos Premios da Cultura Galega 2013, presidido polo conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, xuntouse hoxe na Cidade da Cultura para determinar o destino dos 8 galardóns que recoñecerán os Premios nas categorías de Letras, Artes Plásticas, Artes Escénicas, Patrimonio Cultural, Proxección Exterior, Música, Audiovisual e Lingua, sendo esta última modalidade a primeira vez que se entregará, e que irá a parar á Asociación PuntoGal, polos seus esforzos dende 2006 para conseguir que vexa a luz un dominio para a lingua e a cultura galegas na Internet.
O Premio da Cultura Galega da Lingua pretende así salientar o traballo da Asociación PuntoGal, nacida dende a sociedade galega, e que busca contribuír á creación dun espazo galego na Internet no que poder agrupar a meirande parte dos contidos en galego, así como outros contidos que estean vencellados dalgún xeito coa nosa cultura.
Os Premios da Cultura Galega contaron nesta edición con 51 candidaturas, estando formado o seu xurado polo conselleiro Xesús Vázquez; o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; Francisco Díaz-Fierros Viqueira do Consello da Cultura Galega e Ramón Durán Vila en representación da USC; Henrique Monteagudo da Real Academia Galega; Ramón Yzquierdo Perrín da Real Academia de Belas Artes Nosa Señora do Rosario; o catedrático Darío Villanueva Prieto; a crítica de arte Fátima Otero Bouza; a catedrática Víctoria Carballo-Calero Ramós; e o actor Antonio Mourelos Vázquez.

Os membros do xurado reuníronse hoxe na Cidade da Cultura para decidir o resultado dos Premios da Cultura Galega 2013

PUBLICIDADE