A Aula TIC PEME de Lugo volve mostrarnos como vender en liña
luns, 2 de abril do 2018
A
Aula TIC PEME do Campus de Lugo
(Universidade de Santiago) vén de pór en marcha a edición número
once do seu obradoiro sobre novos e eficaces xeitos de vender nas
redes, de facermos empresa e de comunicarnos cos nosos clientes. A
vindeira edición do seu Taller Online sobre Xestión de Tendas con
Pretashop é o novo paso dunha referencial actividade
formativo-tecnolóxica, referencial polos recursos de axuda que ten
posto en xogo para novos empresarias/os e emprendedoras/es, e tamén
polos éxitos de participación acadados. De feito, a onceava
convocatoria do obradoiro é unha consecuencia directa da boa
acollida que tivo a última edición.
O
curso tamén é unha resposta a un desafío concreto: o reto de
acadar da maneira máis simple e eficaz a dixitalización da
actividade das nosas empresas, e máis tendo en conta até que punto,
nos últimos anos, disparáronse as cifras correspondentes ás vendas
de comercio electrónico sobre o total das vendas a nivel galego e
estatal. Segundo informa a Aula TIC do Campus de Lugo, entre abril e
xuño do ano 2017, a facturación por vendas en liña subiu un 23,4%
internanual até acadar os 7.338,1 millóns de euros. Estas cifras,
que figuran nos datos sobre ecommerce achegados pola CNMC,
obrigan ás empresas a facérense a seguinte pregunta: hai que
permitir que a competencia se adiante ou cómpre que aproveitemos a
oportunidade de negocio que nos brinda as novas tecnoloxías e canles
da información?
Durante
o desenvolvemento do obradoiro, o alicerce temático será a
plataforma de software libre Prestashop Cartium. O contido do curso
inclúe o seguinte: instalación e posta en marcha da aplicación,
administración dos clientes e dos empregados, manipulación do
catálogo de produtos, xestión dos pedidos e dos pagos, análises
estatísticas dos datos e outras ferramentas.
Respecto
da metodoloxía a seguir, é un obradoiro de natureza práctica
baseado en software libre e de código aberto, impartíndose
integramente de maneira virtual a través dun espazo dixital
habilitado para tal efecto. Inclúe vídeo-titorías das temáticas
devanditas e convídase ao alumnado a revisar os materiais fornecidos
e completar as tarefas semanais para comprobar cal é o grao de
aproveitamento dos módulos.
No
curso, con independencia de que se dirixa sobre todo a emprendedores,
PEME e autónomas/es, poderá participar calquera persoa interesada
na temática do mesmo. A duración da actividade é de 50 horas.
Desenvolverase entre o 13 de abril e o 23 de maio deste mesmo ano.