A Biblioteca Universitaria da USC, en liña

martes, 24 de marzo do 2020 Redacción

JPEG - 69.3 KB
A Biblioteca Intercentros do Campus de Lugo

A Biblioteca Universitaria da USC (BUSC) apostou estes días polas contornas virtuais e converteuse nun servizo cen por cen en liña. O motivo? A necesidade de seguir mantendo a operatividade en tempos de confinamento, restricións e máxima limitación ao presencial. “Nestes tempos de pandemia”, informa a Biblioteca, “estamos a sortear as limitacións derivadas da emerxencia sanitaria a través da bitácora virtual A BUSC en liña, unha xanela que permite a conexión con toda a comunidade universitaria que a demande”.
A través desta xanela facilítase o acceso a todo o material incluído no acubillo dixital Minerva e, ademais, o persoal da BUSC tenta dar resposta e atención a todas as preguntas, consultas e demais cuestións recibidas a través dos seus enderezos electrónicos. Amais disto, tamén se permite acceso a unha manchea de referencias dixitalizadas que poden ser de interese para “que estudantes e PDI avancen con éxito nas súas tarefas académicas”.
A maiores, a Biblioteca Universitaria mantén a súa actividade (intensificándoa) nas redes sociais e achega diversos vídeos titoriais orientados a facilitar as buscas e demais procedementos de manexo dos usuarios, ao tempo que mantén con normalidade a súa oferta de actividades formativas en liña.

PUBLICIDADE