A CE abre unha consulta pública sobre a xestión de Internet

martes, 24 de xullo do 2012 Fernando Sarasketa

A comisaria de Telecomunicacións da CE, Neelie Kroes

A xestión en Internet non é unha cuestión que se deba tomar á lixeira. En xogo está a liberdade de comunicación unha boa parte dos nosos dereitos fundamentais, referentes ao coñecemento, á expresión, á igualdade e demais. Probablemente a Comisión Europea é consciente disto, de aí que veña de abrir unha consulta pública sobre a cuestión de quen (e como) debe coordinar e controlar o tráfico na Rede, e de que maneiras se pode garantir a súa neutralidade. Esta consulta pública, por certo, empregarase logo para dar forma a unha serie de recomendacións que se dará a coñecer o ano vindeiro.
O obxectivo da Comisión é que non quede ningunha voz por escoitar de entre o grupo coñecido como “actores de mercado”. Desta volta, todos terán a oportunidade de dar a súa opinión sobre como manter a privacidade ou como dar solución a posíbeis atrancos de fluxo de información, de transparencia, de feblezas de velocidade, de saída e entrada nos diferentes operadores, etc. A consulta fica aberta ata o 15 de outubro. “Arestora, os consumidores non teñen unha auténtica capacidade de elixir nas ofertas de Internet, a idea é basear a consulta na elaboración de recomendacións que aumenten e aseguren as alternativas e poñan fin ás distorsións sobre a neutralidade da Rede en Europa”, fixo saber ao fío desta consulta a comisaria de Telecomunicacións, Neelie Kroes, a través dun comunicado.

PUBLICIDADE