A CNMC autoriza a OPA de MásMóvil por Euskaltel

xoves, 17 de xuño do 2021 Marcus Fernández

A finais do mes de marzo o Grupo MásMóvil anunciou unha Oferta Público voluntaria de Adquisición de accións (OPA) sobre a totalidade das accións do capital social de Euskaltel, compañía á que pertence o operador de telecomunicacións R, de xeito que ás marcas Yoigo, MásMóvil, Pepephone, Llamaya, Lebara, Lycamobile e Hits Moible sumaríanse baixo o mesmo paraugas Virgin telco, Euskaltel, Telecable e R, consolidando a posición do grupo no mercado das telecomunicacións estatal.
A operación estaba pendente da autorización da Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC), e finalmente a entidade aprobou a primeira fase da operación de concentración MásMóvil/Euskaltel, ao considerar que o feito de que o cuarto operador en volume de España adquira ao quinto operador sen mudar a súa posición non altera de xeito significativo a situación competitiva. A CNMC incluso considera que a operación sería positiva xa que enmarcaríase no proceso de consolidación que se está a producir nos últimos anos no sector das telecomunicacións. Ante esta situación, a Comisión non impón compromisos a MásMóvil para a compra de Euskaltel.
A adquisición suporá que operador R vaia pasar a mans dunha sociedade constituída en Jersey, aínda que dende MásMóvil comprométense a non realizar grandes cambios a nivel laboral na compañía durante un mínimo de 5 anos.

PUBLICIDADE