A Cadena SER actualiza o seu logo e a súa web co inicio da nova tempada

martes, 4 de setembro do 2007 Marcus Fernández

Nova web da Cadena SER

A Cadena SER, radio líder de audiencia en España, mellora a súa presenza na Internet renovando a súa páxina web, que cambia de estética tras 4 anos coa mesma imaxe, e renova tamén o seu logotipo (que levaba preto de 40 anos inalterado).

O logotipo do medio adaptouse ós novos tempos

O cambio da web coincide coa inauguración da nova tempada radiofónica, e aparte de amosar unha aparencia moi limpa e organizada (o que mellora a súa navegación) será só un primeiro paso do medio, que continuará a súa aposta pola Internet incrementando o uso das súas seccións participativas e de elementos multimedia coma os podcasts e a fonoteca.
A nova páxina web inclúe especiais sobre grandes temas de actualidade, acceso a servizos (carteleira cinematográfica, grella televisiva, sorteos...) e información sobre as súas emisoras. Tamén dispón dun espazo propio para o Pulsómetro, a sondaxe periódica que realiza o Grupo Opina para a emisora radiofónica e na que se amosa o parecer dos cidadáns sobre a situación politico-social.

PUBLICIDADE