A Cámara da Coruña impulsa a transformación dixital de máis de 200 pemes da área

luns, 3 de xaneiro do 2022 S. P.

A Cámara de Comercio da Coruña vén de facer balance da actividade xerada pola súa Oficina Acelera Peme, impulsada o pasado verán ao abeiro do programa de oficinas de transformación da entidade estatal Red.es. Segundo fixo saber, dende a súa posta en funcionamento, no mes de xullo, 60 empresas xa están a traballar de maneira continua mellorando os seus procesos de dixitalización. Amais, a oficina organizou 6 xornadas online que contaron con máis de 160 participantes.
A oficina atende de xeito personalizado e de balde a pequenas e medianas empresas, micropemes, autónomos e emprendedores da área da Coruña interesadas en comezar ou en avanzar na súa transformación tecnolóxica, pero tamén axuda a pemes fornecedoras de ferramentas TIC a introducir os seus produtos e solucións no mercado. “Deste xeito, calquera autónomo ou pequena empresa pode recibir unha orientación personalizada de profesionais cualificados sobre as súas necesidades que lle permita incorporar novos servizos dixitais á súa carteira”, explicaron fontes da Cámara, engadindo que ao longo deste período a entidade asesorou a empresas interesadas en mellorar o seu posicionamento en redes e buscadores, na realización de estratexias de mercadotecnia dixital, na axilización dos procesos de xestión cos seus clientes, na automatización de trámites ou na xestión de expedientes.
Un dos ámbitos temáticos que suscitou meirande interese entre as empresas e profesionais foi a ciberseguridade (o que motivo que se lles achegasen recursos para actualizar e mellorar as operativas dos postos de traballo evitando riscos e vulnerabilidades), seguida de preto pola implementación de melloras tecnolóxicas, como plataformas de teleformación, impresión 3D ou Intelixencia Artificial, entre outras.

PUBLICIDADE