A Cámara da Coruña lanza un curso para asentar o noso comercio na venda en liña

mércores, 27 de maio do 2020 S. P.

A Cámara de Comercio da Coruña deseñou un curso específico sobre venda online para impulsar a actividade do comercio polo miúdo (pemes e micropemes), dotando aos participantes dos coñecementos necesarios para comercializar con garantías os seus produtos a través das plataformas dixitais. A actividade formativa terá 200 horas de duración e achegará todos os recursos necesarios para garantir unha aprendizaxe personalizada e continua sobre comercio electrónico.
Con esta formación, a Cámara busca ofrecer aos interesados a oportunidade de complementar e reforzar as súas canles comerciais neste contexto de crise derivada da COVID-19. Artéllase sobre catro eixos formativos independentes.
En primeiro lugar, abordaranse os fundamentos do comercio electrónico (modelos de negocio dixital e motores de crecemento) para continuar coa presentación de plataformas de venda online como son os diversos marketplaces de Amazon e a ferramenta Shopify.
A formación inclúe, ademais, a presentación de diferentes estratexias de mercadotecnia dixital para axudar a impulsar, medir e controlar os negocios, así como unha introdución á publicidade en liña baseada en ferramentas como Facebook Ads e Google Ads.
Ao longo de todo o curso, o alumnado gozará de máis de 10 horas de formación en streaming (en directo) que facilitarán a interactuación co equipo docente, profesionais do sector referentes a nivel estatal.
A maiores, os participantes disporán dunha canle de comunicación directa cos profesores de cada módulo, quen realizarán un seguimento exhaustivo dos avances do alumnado, axudándolles a resolver dúbidas e asesorándoos a nivel particular.
A data de inicio prevista é o 8 de xuño e os interesados poden solicitar a súa praza a partir do día de hoxe.

PUBLICIDADE