A Cámara de Comercio de Santiago e Abanca premian dúas novas firmas TIC

mércores, 16 de novembro do 2016 Fernando Sarasketa

De esquerda a dereita: Alberto Pampín (en representación de Javier Herranz de Siete Olas Comunicación); Alexandra Carballo (en representación de Raquel Toja de Os Eventos Innovación e Servizos); Álvaro Rodríguez; Evaristo Rodríguez; José Lino Comesaña; Fernando Barros; Rosa Cardeso; María Enríquez Martínez; e José Luís Otero Bouzón (imaxe de Santi Alvite)

Onte entregáronse en Compostela uns galardóns directamente encamiñados a enxalzar o empuxe innovador das nosas emprendedoras e emprendedores: un empuxe referencial que está a motivar, entre outras moitas cousas, o interese acelerador de empresas como Telefonica (Galicia Open Future), Vodafone (Connecting for Good Galicia), HPE ou a palestra Conector, da que falamos onte dando conta da apertura da súa sede na nosa terra. Volvendo aos galardóns entregados en Compostela, viñeron da man da Cámara de Comercio, co patrocinio de Abanca. Tratouse dos recoñecementos da terceira edición do Premio Camiño do Emprendemento 2016. Distinguiuse o labor de dúas novas firmas directamente relacionadas coas TIC: Os Ventos Innovación e Servizos e Siete Olas. Tamén se recoñeceu o potencial de María Enríquez Martínez e Ambideleite.
Estas distincións son, en palabras da Cámara, “un recoñecemento que pretende promover estas ideas empresariais e prestar apoio para a súa posta en marcha, desenvolvemento e consolidación”.
Segundo fixo saber a Cámara, o premio cubrirá o 50 por cento dos gastos da estadía no viveiro de empresas de Costa Vella durante un ano aos proxectos distinguidos coa bolsa completa (Os Ventos Innovación e Servizos e María Enríquez Martínez), e o 25 por cento para os proxectos que comparten premio (Siete Olas Comunicación e Ambideleite). Os gañadores poderán solicitar as liñas de financiamento presentadas por ABANCA con condicións financeiras preferentes.
Durante ese tempo, os emprendedores recibirán servizos de aloxamento, infraestrutura, loxística, acompañamento, consultoría, titorías e seguimento. O obxectivo é “favorecer a arrincada dos proxectos e o seu afianzamento”.
O xurado (composto por José Lino Comesaña e Álvaro Rodríguez Cabo, de Abanca, e por Rosa Cardeso e Sandra Becerra, da Cámara) tivo en conta na súa decisión “o nivel de desenvolvemento dos proxectos, o seu carácter innovador, o volume de investimento, o grao de proxección nacional e internacional, a posíbel xeración de postos de traballo e a experiencia previa dos participantes”.
A empresa Os Ventos Innovación e Servizos está especializada en tecnoloxías da información. A súa promotora, Raquel Toja, explicou que a idea de negocio é desenvolver tecnoloxías “diferenciadoras” que axuden a emprazar e privilexiar ás empresas no mercado como subministradoras de servizos tradicionais, “pero sen pretender a fabricación de tecnoloxías que sexan explotadas por outros”. Ofrécense servizos de consultoría de modernización, xestión cultural, apoio a servizos sociais ou servizos de TIC.
O xurado outorgoulle o premio “polo nivel de postos de traballo que se prevé crear nos vindeiros anos de funcionamento da empresa, o nivel de investimento a acometer e a formación e experiencia da propia promotora, que é enxeñeira informática e doutora en matemática aplicada”.
Pola súa banda, a emprendedora María Enríquez Martínez conseguiu esta bolsa cun proxecto centrado na comercialización de conservas e produtos galegos de calidade, coa finalidade de divulgar e vender produtos agroalimentarios e do mar englobados nunha marca paraugas que se está a desenvolver actualmente para a súa inclusión no mercado nacional e internacional.
O emprendedor Javier Herranz Lorente, pola súa parte, foi premiado coa metade dunha bolsa do premio polo proxecto empresarial Siete Olas Comunicación, destinado ao sector da comunicación e a mercadotecnia para empresas. O obxectivo é “axudar a profesionais e empresas a desenvolver e mellorar a súa imaxe de marca, difundindo as súas actividades en redes sociais, webs corporativas e buscar o mellor emprazamento nos buscadores, realizando campañas de mercadotecnia en liña e presencial, vídeos de promoción de novos produtos e ofrecendo formación orientada a fomentar as habilidades e capacidades de comunicación”. A iniciativa encamiñarase sobre todo a empresas do sector da hostalería, do viño, do motor e a asociacións e clubes. O xurado valorou “o uso das TIC e o nivel de postos de traballo a crear”.
Por último, o emprendedor José Luis Otero Bouzón conseguiu tamén a metade dunha bolsa do premio de emprendemento. A súa proposta consiste nun proxecto innovador chamado Crea Ambideleite que se centra na mercadotecnia olfactiva, no “aromatizado” de espazos e na eliminación de olores para todo tipo de empresas.

PUBLICIDADE