A Cámara de Santiago móstranos como crear unha web en poucos pasos

martes, 28 de maio do 2024 S. P.

A Cámara de Comercio de Santiago organiza este mes de xuño un novo obradoiro de transformación tecnolóxica para as pemes e persoas autónomas da súa demarcación. Trátase do curso gratuíto Como construír a túa web en poucos pasos: taller práctico. A actividade, abeirada ao Programa Kit Dixital (Red.es), ten por obxectivo facer posíbel que as persoas asistentes poidan dar forma aos seus sitios en liña dunha maneira rápida, sinxela, eficiente e eficaz.
Dará comezo ás 10.00 horas coa presentación da Oficina Acelera Peme e do Programa Kit Dixital. Ás 10.15 arrincará o curso en si mesmo, que inclúe unha introdución á contorna de traballo e nocións prácticas sobre como instalar un persoal de estilos para a nosa web, como crear o menú e seccións da web e como editar o contido web. A xornada está previsto que remate ás 12.00 horas.
Os relatores serán Camilo Ameijeiras (licenciado en Ciencias da Comunicación, fundador e CEO de Primate Multimedia Ibérica, empresa de desenvolvemento web, móbil e deseño gráfico; e de Fittingpup, firma de monitoraxe de saúde para mascotas) e Rubén Beiroa (enxeñeiro en Electrónica e Automática Industrial, CEO De Train On Tech e co-fundador de Everlatic, ademais de formador e integrador de solucións IoT e coordinador do Nodo 5G de Galicia).
As Oficinas Acelera peme para Kit Dixital postas en marcha por Red.es, entidade pública adscrita ao Ministerio para a Transformación Dixital e da Función Pública, a través da Secretaría de Estado de Dixitalización e Intelixencia Artificial, coa colaboración de Cámara de España, teñen como obxectivo impulsar a transformación dixital das pequenas e medianas empresas, micropemes e autónomos. As actuacións, están financiadas polo Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia a través dos fondos NextGenerationEU, no marco da axenda España Dixital 2026 e o Plan de Dixitalización de Pemes 2021-2025.

PUBLICIDADE