A Cámara de Santiago móstranos como protexernos de ciberataques

mércores, 4 de decembro do 2024 S. P.

A Cámara de Santiago prosegue nesta recta final de ano coas súas formación tecnolóxicas de transformación ao servizo das pemes. Desta volta porá o foco nunha cuestión crucial que abrangue unha serie de recomendacións básicas para garantir unha relación protexida e fiábel coas tecnoloxías: a ciberseguridade.
O curso Riscos de ciberseguridade para pequenas e medianas empresas e persoas autónomas (boas prácticas) celebrarase o mércores 11 de decembro ás 10.00 horas. Desenvolverase en formato de seminario en liña e protexerá de ciberataques ás pemes da demarcación cameral dos diferentes sectores empresariais e profesionais.
Tocaranse cuestións como os tipos de ciberdelitos, como avaliarmos os riscos cibernéticos, que tipo de erros humanos propician estes riscos ou como crear unha política de ciberseguridade e implementar boas prácticas que minimicen o risco (contrasinais, accesos, dobre verificación, correo electrónico, redes sociais, redes Wi-Fi, equipos portátiles, protección de datos, actualizacións de software, programas de protección e recursos en caso de ciberataque ou fraude).
A xornada, que é de balde, está financiada por Fondos FEDER 60% e Cámara Santiago de Compostela (40%).