A Cámara e Quelqum amosarán ás PEME de Santiago como mellorar con Wordpress a súa imaxe

martes, 12 de abril do 2016 Fernando Sarasketa

A Cámara de Comercio de Santiago inaugura este 18 de abril tres cursos formativos sobre o plan comercial, a xestión económico financeira e a creación de webs corporativas en pequenas e medianas empresas (PEME) a través da ferramenta Wordpress, o sistema libre e de balde para a xestión de blogs e páxinas en Internet, dispoñíbel en galego na súa versión 4.4.2. Este último curso, polo tanto, diríxese a achegar recursos para mellorar a nosa imaxe corporativa a través de Internet. Será, en palabras da Cámara, unha actividade formativa impartida “de xeito doado e práctico”, prevista para o 29 de abril en horario de 20.00 a 22.00 horas. A empresa encargada da achega de contidos será a academia compostelá Quelqum.
O obxectivo é conseguir que os alumnos poidan configurar “de maneira autónoma” unha páxina web ou un blog corporativo utilizando a devandita plataforma dixital. A cita está enfocada a empresarios, emprendedores, traballadores en activo ou persoas interesadas na creación dunha web ou blog autoxestionábeis.
Pola súa banda, o curso Como elaborar o teu plan comercial permitirá aos asistentes coñecer as claves no desenvolvemento directivo de habilidades para a xestión propia e do equipo de traballo. Para desenvolver un plan comercial, a empresa formadora Quelqum ensinará aos participantes “a analizar os antecedentes, o contorno e a situación interna das súas empresas para poder elaborar un plan comercial e mellorar a rendibilidade económica da compañía”. Desenvolverase nas aulas formativas da Cámara ata o 27 de abril, en horario de 20:00 a 22:00 horas.
Outro curso que se inaugurará o 18 de abril versará sobre Xestión económico- financeira da PEME. Arxon Estrategia impartirá esta formación de xestión do negocio. Celebrarase nas aulas camerais ata o 28 de abril, de 20:00 a 22:00 horas.

PUBLICIDADE