A Casa das Campás de Vigo aposta pola tecnoloxía en 3D para o ensino do debuxo técnico

xoves, 8 de abril do 2010 Fernando Sarasketa

As novas tecnoloxías da información e a comunicación, de aplicalas coma o que son, canles que favorecen a transmisión da mensaxe, poden axudar á ensinanza alí onde esta máis se enlea. Por exemplo: en tódalas materias que teñen que ver co coñecemento máis abstracto, enténdanse matemáticas, tecnoloxía ou debuxo técnico. Maneiras de aplicar as ferramentas dixitais na formación terá que haber tantas coma alumnos e ferramentas, pero para a Universidade de Vigo semella que o acompañamento constante de gráficas en 3D pode ser un bo xeito de ir afianzando este novo escenario da docencia. Nesta liña é onde se sitúa a Aula Tecnolóxica da Casa das Campás da Universidade de Vigo, que está a ofrecer un curso de formación permanente co obxectivo de achegar un recurso informático para o traballo con xeometría dinámica na ensinanza, o que ten capacidade de abondo como para facer máis comprensibles materias como as devanditas.
A acción formativa, chamada Xeometría dinámica con Cabri Geometre, baséase en boa medida no emprego dun programa que posibilita, sen que sexan precisos amplos coñecementos de programación, a recreación virtual de todo tipo de elementos ligados ao coñecemento que se achega perante o alumnado: dende figuras xeométricas básicas até estruturas do máis complexo, fixas ou mesmo animadas a través de tecnoloxía 3D.
O Cabri –este é o nome do software- constitúe unha ferramenta de orientación didáctica para o ensino das materias vinculadas ao debuxo técnico, polo que tería importantes aplicacións nos eidos da Enxeñería, a Arquitectura ou mesmo as Belas Artes.
O curso en cuestión está dirixido tanto a estudantes como docentes, e para acceder a el (como dixemos) non se precisa formación avanzada en software ou xeometría dinámica, malia que si que é preciso ter coñecementos medios de debuxo técnico. A actividade vai dar comezo cunha introdución breve á xeometría dinámica e ao programa informático Cabri Geometre, á súa contorna gráfica, menús, ferramentas e área de traballo. O curso desenvolverase desde o 10 ata o 24 de abril, os xoves pola tarde en horario de 19.00 a 21.00 e os sábados pola mañá de 10.00 a 13.00. Ofértanse un total de 20 prazas, que se cubrirán por orde de inscrición. A matrícula pode formalizarse a través da plataforma Bubela da Área de Posgrao Virtual ata o día 9 de abril e é totalmente gratuíta.

PUBLICIDADE