A Cidade das TIC cada vez máis preto de se converter nunha realidade

xoves, 11 de novembro do 2021 Anxo Sesto

O Concello da Coruña sentou as bases da súa colaboración coa Deputación, a UDC, o IGAPE e o Clúster das TIC para que o desenvolvemento da Cidade das TIC (a antiga Fábrica de Armas) se leve a cabo optimizando os recursos dispoñíbeis.
Inés Rey, alcaldesa da Coruña, lembrou que a Cidade das TIC foi unha aposta prioritaria para o executivo en todo momento. “Esta colaboración supón unha fonte de emprego e riqueza para a nosa cidade, así como un pulo importante para o desenvolvemento dunha infraestrutura estratéxica de futuro”, indicou.
Esta acción concretarase a través dun convenio colaborativo, o cal incluirá un Plan Director da Cidade das TIC, para facilitar a organización de plans estratéxicos que permitan aproveitar todo o potencial da infraestrutura. Asemade, o acordo abranguerá a creación dunha estrutura de goberno mediante unha sociedade pública que inclúa as administracións e tamén as empresas implicadas no proxecto garantindo a participación das partes en proporción ás súas achegas.

PUBLICIDADE