A Coalición de Creadores denuncia a piratería dixital en España cun polémico estudo

mércores, 9 de abril do 2014 Marcus Fernández

A Coalición de Creadores e Industrias de Contidos publicou hoxe os resultados do Observatorio de Piratería e Hábitos de Consumo de Contidos Dixitais 2013, estudo elaborado por GfK e que debuxa un panorama desolador, denunciando que o 84% dos contidos consumidos en España é pirata, aínda que dende o Ministerio de Educación, Cultura e Deporte non tardaron en indicar que estamos ante un estudio estimativo de opinión encargado por parte interesada que non foi analizado con rigor polo Ministerio.
Sosteñen que máis da metade dos usuarios de Internet (o 51%) descarga ilegalmente contidos protexidos por dereitos de propiedade intelectual, ata superar en 2013 os 3.192 millóns de descargas ilegais (un 4,6% máis que en 2012), detectándose unha caída nas descargas de música e unha suba nas descargas de películas, libros e videoxogos. Curiosamente máis do 46% dos consultados recoñecen acceder aos contidos ilegais a través de buscadores, sendo Google o buscador máis empregado (97,5%).
O estudio incorporou como novidade nas súas enquisas unha serie de preguntas orientadas a determinar o coñecemento por parte dos usuarios das medidas contra a piratería dixital, considerando os consultados que o máis efectivo sería bloquear o acceso aos espazos web que ofrecen os contidos (68,2%), seguindo por sancionar ás operadores e provedores de acceso a Internet (60,2%), a concienciación social (53,2%), multas aos usuarios (52,5%) e restrinxir o uso da Internet (48%).
O estudo conclúe que son precisos programas pedagóxicos que corrixan a situación actual na que o 70% dos internautas considera normal non pagar por algo que pode obterse de balde; resultando tamén rechamante que o 59% cos consultados accede a contidos piratas pola rapidez e a facilidade de acceso (sen percibir o prexuízo causado).
A Coalición denuncia a ineficiencia da Sección Segunda da Comisión de Propiedade Intelectual (máis coñecida como Comisión Sinde) por considerar que no seu primeiro ano de funcionamento os seus froitos fosen reducidos. Destacan que das 145 solicitudes de actuación presentadas pola Coalición, aínda teñen pendente de iniciar 64 solicitudes, e do 55% moitos dos contidos retiráronse voluntariamente ao recibir a notificación da Comisión e só nuns poucos casos recibiron unha resolución formal ordenándoo. Deste xeito teríanse retirado 50 álbums, 67 películas, 14 libros, 21 videoxogos 3 4 capítulos de series de televisión nun universo de 3.192 millóns de descargas ilegais, o que consideran claramente insuficiente, á vez que salientan que o tempo medio para o inicio dun expediente é de 400 días, prazo absurdo nun contorno tan áxil como a Internet.
Dende o Ministerio de Educación, Cultura e Deporte responden criticando que nin a Coalición nin a consultora privada que elaborou o estudo se puxesen en contacto con eles para pedir información para poder contrastar axeitadamente os resultados da Comisión Sinde, da que aseguran que das 406 solicitudes presentadas xa se resolveron 349 expedientes (o 85,96%) e outros 2 expedientes xa están nunha fase avanzada de tramitación, mentres que os 55 restantes están en fase de investigación previa (comprobación de identificación e verificación das vulneracións). Tamén destacan que non só conseguiron a retirada de contidos de 162 páxinas web (das que 59 eran webs de ligazóns), senón que ata 23 destes espazos cesaron por completo a súa actividade, de xeito que o impacto da Comisión sería moi superior ao que dá a entender a Coalición.

A Coalición denuncia o elevado volume de contidos consumidos por canles ilegais

PUBLICIDADE