A Comisión Europea conclúe que X vulnera a Lei de Servizos Dixitais

venres, 12 de xullo do 2024 Marcus Fernández

A Comisión Europea leva moitos meses advertindo a X/Twitter das súas obrigas de moderación de contido e pedíndolle explicacións sobre a falla de dilixencia a tal respecto, e finalmente as investigacións realizadas conclúen que X infrinxe a Lei de Servizos Dixitais (DSA) en ámbitos relacionados a patróns escuros, transparencia publicitaria e acceso a datos aos investigadores.
A Comisión incide en que a transparencia e a rendición de contas en relación á moderación de contidos e a publicidade constitúen a cerna da Lei de Servizos Dixitais e apunta que a súa investigación exhaustiva constatou incumprimentos en relación a tres reclamacións:
– En primeiro lugar, X deseña e explota a súa interface para as contas verificadas cunha marca de control azul dun xeito que se afasta á práctica habitual no sector, xa que engana aos usuarios ao permitir que calquera poida subscribirse para obter o estado de verificdo, afectando negativamente aos usuarios para tomar decisións libres e informadas sobre a autenticidade das contas e o contido co que interactúan. Salientan o feito de que hai probas de usos malintencionados do mecanismo de verificación de contas actual.
– En segundo lugar, X non respecta a transparencia requirida en materia de publicidade, xa que non proporciona un repositorio de anuncios publicitarios fiable e accesible, senón que establece características de deseño e barreiras de acceso que fan que o repositorio non sexa apto para a súa finalidade de transparencia con respecto aos usuarios. En particular, o deseño non permite a supervisión e a investigación necesarias dos riscos emerxentes derivados da distribución da publicidade en liña.
– En terceiro lugar, X non proporciona acceso aos seus datos públicos aos investigadores en consonancia coas condicións establecidas na Lei de Servizos Dixitais. En concreto, X prohibe aos investigadores elixibles acceder de xeito independente aos seus datos públicos collendo o datos directamente da web (algo prohibido nas condicións do servizo) e tampouco o fai posible a través da súa API (que agora ten unhas taxas desorbitadas).
Estas conclusións poden traducirse en sancións de até o 6% do volume de negocios anual de X e a ordenar a adopción de medidas para facer fronte ás infraccións. Tamén poden imporse sancións coercitivas para obrigar a X a cumprir coa lexislación europea.