A Comisión Europea considera que Apple Pay vulnera as leis da competencia

xoves, 7 de outubro do 2021 Marcus Fernández

Actualmente son varias as investigacións que a Comisión Europa ten abertas sobre as prácticas anticompetitivas de Apple, e segundo Reuters unha das que estaría a piques de traducirse nunha sanción sería a relativa ao uso en exclusiva do chip NFC dos iPhone para a realización de pagamentos móbiles.
Aseguran que a Comisión Europea considera que Apple Pay vulnera as normas da competencia a nivel europeo, o que estaría a concretarse nunha acusación formal á que Apple debería responder o ano que vén, e que podería traducirse tanto nunha multa económica como na obriga de que Apple abra a tecnoloxía NFC dos seus dispositivos a outros tipos de solucións de pagamentos contactless que hai no mercado como acontece sen problema nos dispositivos con Android (que permiten pagar con Google Pay, Samsung Pay e incluso directamente con aplicacións de entidades bancarias, así como utilizar o NFC para usos diversos).
Cómpre lembrar que a finais de 2019 Apple tivo que autorizar o uso do chip NFC por parte dunha aplicación gobernamental que precisaba ler pasaportes de cara á presentacións de solicitudes por mor do Brexit (o que forzara a moitos usuarios a pedir emprestado un móbil con Android para poder completar o trámite).

PUBLICIDADE