A Comisión Europea investiga a Apple por prácticas anticompetitivas

martes, 16 de xuño do 2020 Marcus Fernández

Margrethe Vestager é a comisaria europea de Competencia que anunciou a apertura das investigacións

O ano pasado Spotify emprendeu unha ofensiva contra Apple por considerar que as súas comisións na App Store vulneraban as normas da competencia, xa que esas condicións non se aplicaban a Apple Music, dándolle ao servizo musical de Apple unha clara vantaxe comercial. A Comisión Europea atendeu estas reclamacións, xunto a outras recibidas, e finalmente hoxe confirma que abriu unha investigación sobre as normas da App Store con respecto á música en streaming e outras sobre os libros electrónicos e os audiolibros (sector sobre o que tamén recibiron unha reclamación dun editor, e no que Apple Books tería un comportamento análogo ao de Apple Music con Spotify).
A Comisión Europea analizará principalmente dous factores da App Store: a obrigación de que as compras e subscricións dentro das aplicacións teñan que realizarse a través de Apple (que cobra un 30% de comisión); e as limitacións que Apple impón ao xeito de promocionar formas de adquisición alternativas.
Pero as normas da App Store non é o único que a Comisión Europea pon en dúbida, senón que tamén abriron unha investigación sobre Apple Pay, o sistema de pagamento móbil de Apple, que é o único método para empregar o NFC para realizar pagamentos sen contacto nos dispositivos con iOS, impedindo os pagamentos móbiles con outras solucións (como as aplicacións das entidades bancarias), o que podería ser un atentado á competencia.

PUBLICIDADE