A Confederación de Empresarios e a Deputación de Lugo axudan ás empresas na súa transformación dixital

venres, 29 de novembro do 2019 Fernando Sarasketa

A Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) organiza esta semana, co apoio da Deputación, dous workshops de traballo para fomentar a mellora da competividade empresarial entre as empresas da provincia: dous obradoiros sobre as potencialidades das novas tecnoloxías para seren máis rendíbeis, eficientes e mellor xestionadas.
Baixo o título Competitividade empresarial: desenvolvemento de novos modelos de negocio, os talleres abordan cuestións como as estratexias aplicadas, o control de xestión, a dixitalización 4.0, os sistemas de retención do talento e outras ferramentas de mellora, ademais de botar luz sobre as axudas públicas existentes neste ámbito ou sobre casos prácticos de interese que sirvan de modelos. O primeiro dos obradoiros celebrouse onte en Viveiro e o segundo será hoxe en Lugo.
Estas actividades formativas están dirixidas preferentemente a empresas e emprendedores e celebraranse en horario de 9:00 a 14:00 horas. Poderá participar calquera tipo de público interesado na materia.
O primeiro dos dous obradoiros contou coa presenza onte da deputada de Muller e Igualdade, María Loureiro, que salientou na inauguración deste taller de traballo que “é unha realidade que os mercados están cambiando de continuo e fannos a todos ter que tomar decisións e acoller novas ideas co fin último de diferenciar o noso negocio do resto”. A deputada tamén puxo o foco en que iniciativas como estes workshops da CEL “axudan a aumentar a competitividade do comercio de proximidade, manter unha relación máis directa coa clientela e cos provedores, e adaptarse aos novos mercados”, explicou. “Dende a Deputación de Lugo continuaremos apoiando actividades coma esta porque cremos que axudan a dinamizar os negocios locais”.
Este venres o mesmo workshop impartirase no concello de Lugo co obxectivo de “formar nestas habilidades ao maior número de persoas da provincia”.
Co mesmo obxectivo de apoiar a mellora da competitividade das empresas da provincia, a CEL organizará máis actividades formativas específicas os días vindeiros: novos obradoiros de internacionalización e comercio exterior que se convocarán no mes de decembro.

PUBLICIDADE