A Coruña acollerá a sede da AESIA

luns, 5 de decembro do 2022 Marcus Fernández

JPEG - 91.4 KB
A ministra de Política Territoria e voceira do Goberno, Isabel Rodríguez, anunciou a elección da cidade herculina como sede da AESIA na convocatoria de prensa tras o Consello de Ministros.

No Consello de Ministros desta mañá a ministra de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, Raquel Sánchez, anunciou que a cidade da Coruña foi elixida como sede para a Axencia Española de Supervisión de Intelixencia Artificial (AESIA) tras unha peneira na que participaban unha ducia de cidades de diferentes comunidades autónomas.

Este novo organismo é un dos máis importantes que o Goberno ten previsto descentralizar polas súas posibilidades de futuro, xa que se encargará principalmente de analizar os límites da intelixencia artificial, así como ao seu control, sendo a primeira axencia deste tipo a nivel europeo.

JPEG - 106.4 KB
A voceira do Goberno, Isabel Rodríguez, acompañada polas ministras Pilar Alegría e Reyes Maroto na convocatoria de prensa posterior ao Consello de Ministros

Prevese un investimento inicial de 5 millóns de euros para esta iniciativa, cantidade que xa figura nos Orzamentos Xerais do Estado, e calcúlase que poderá crear un cento de postos de traballo.

A candidatura coruñesa foi elixida en Galicia por diante das propostas de Santiago e Ourense, por considerase que as condicións da cidade herculina eran máis propicias, dada a grande presenza do sector TIC a nivel empresarial, investigador e educativo, así como as facilidades de comunicación da cidade e a súa condición periférica (elemento que ten grande peso para o Goberno á hora de descentralizar organismos).

JPEG - 90.3 KB
Imaxe do anuncio da presentación da candidatura coruñesa

Estímase que o 30% dos traballadores do sector TIC galego está no ámbito da cidade da Coruña, que sería o concello galego con máis compañías deste sector, destacándose tamén que 103 compañías da área coruñesa traballan na actualidade con intelixencia artificial.

Dende o Concello da Coruña propoñen que a nova sede da AESIA se estableza un espazo histórico e singular como é a Terraza, en plenos Xardíns de Méndez Núñez, edificio moi céntrico e ben comunicado, á vez que tamén consideran que no futuro o organismo poida ter presenza na Cidade das TIC.

Numerosas reaccións favorables

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, agradeceu o apoio do sector institucional, empresarial e universitario de toda Galicia, destacando ao tecido empresarial da cidade e á Universidade da Coruña especialmente. «Se fomos quen de conseguilo é grazas á forma de traballar que sempre defendín: seria, rigorosa e con moita dedicación. Porque só dende a temperanza e o convencemento se pode construír un gran proxecto coma o desta cidade» destacou Inés Rey.

O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, celebra a designación da Coruña como sede da AESIA, asegurando que «esta elección ratifica que nunca antes se tiveran tan en conta o potencial de Galicia como con este Goberno», á vez que felicitou á alcaldesa Inés Rey polo seu liderado e pola solidez do proxecto. Miñones tamén destaca que «o éxito da candidatura da Coruña para atraer a AESIA é xa o éxito de toda a sociedade galega» considerando que «a axencia estatal impulsará a modernización da nosa economía».

Pola súa banda, o secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, cualificou como «magnífica nova» a designación da Coruña como sede da AESIA, subliñando que supón un recoñecemento tanto para A Coruña como para toda Galicia, salientando o rol que xogou na decisión o modelo de cidade impulsado por Inés Rey cunha «aposta clara pola tecnoloxía da información, que está a marcar o futuro económico da sociedade en todos os eidos».

O Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos de Telecomunicacións de Galicia (COETTGA) tamén celebra o anuncio de que A Coruña vaia albergar a sede da AESIA, asegurando o seu decano, José Manuel Martínez, que «esta decisión sitúa a Galicia e aos seus profesionais das telecomunicacións como referencia internacional no sector da intelixencia artificial, amais de xerar dende A Coruña unha fonte de coñecemento que situará a comunidade galega como punta de lanza deste sector». Martínez apunta que «non só conforma un gran apoio para Galicia no tocante ás TIC, senón tamén un motor económico para todo o sector».

A Xunta de Galicia destaca a implicación de toda a sociedade, as universidades, as administracións e os sectores de actividade, así como o traballo coordinado do nodo GalicIA, como claves para que A Coruña fose designada hoxe polo Consello de Ministros do Estado como sede da Axencia Estatal de Supervisión de Intelixencia Artificial. A designación de Galicia como sede da AESIA é un recoñecemento aos esforzos da nosa comunidade autónoma por situarse na vangarda da transformación dixital pese as limitacións de partida relacionadas coas súas características poboacionais e xeográficas.

PUBLICIDADE