A Deputación da Coruña activa nas redes unha campaña para promover a lectura e o libro galego
mércores, 5 de outubro do 2022
A
Deputación
da Coruña, a través da Área de Normalización Lingüística, bota
a andar este mércores 5 de outubro a campaña Un outono cheo de
letras, unha iniciativa que se desenvolve ao longo
deste mes e que ten o obxectivo de mostrar o firme compromiso da
institución provincial co fomento da lectura e o libro galego. A
iniciativa celebrarase nas redes sociais e fará fincapé “na
importancia que ten a lectura á hora de formar persoas e sociedades
máis abertas e libres”, en palabras de Normalización Lingüística
de Deputación, que salienta como “o libro galego contribúe a
termos unha visión propia do mundo e á dinamización da nosa
lingua”.
A
campaña ofrecerá contidos para crianzas destinados a fomentar o seu
coñecemento sobre libros, librarías e bibliotecas, e sobre o
potencial dos libros para “igualar social e culturalmente á
cidadanía”. Para isto, ademais dunha imaxe gráfica específica, o
proxecto lanzará nas redes microentrevistas con diferentes actores
sociais, vídeos divulgativos e entradas. Amais, farase referencia
aos distintos premios cos que a Deputación fomenta a creación na
nosa lingua e os programas e organismos para fomento da lectura.
“A
campaña”, explican fontes da Deputación, “ponse ao lado de
todas as persoas e empresas que traballan cada día nun sector cun
forte peso simbólico (e económico), historicamente clave no proceso
de normalización lingüística; cómpre lembrar que detrás de cada
libro en galego hai creadoras, ilustradoras, maquetadoras, editoras,
correctoras, fotógrafas, tradutoras, distribuidoras, libreiras,
xornalistas.. .Un universo de homes e mulleres que contribúen a
espallar o saber, o gozo e o pensamento coas nosas palabras”.
Concurso
e bonos-libros
As
persoas internautas serán as protagonistas da compaña, xa que están
convidadas a compartir os contidos que se vaian lanzando cada día.
As persoas participantes que compartan en Facebook, Twitter ou
Instagram entradas da campaña participarán no sorteo de 10
bonos-libros (valorado cada un en 100 euros). As persoas
gañadoras poderán empregar estes abonos na libraría da provincia
da Coruña que libremente elixan.