A Deputación da Coruña convida a derrubar todas as barreiras que separan ás mulleres das carreiras STEM

venres, 14 de xaneiro do 2022 S. P.

Esta semana toca falar de ciencia e tecnoloxía e como poñelas o máis preto posíbel da cidadanía, xuntando forzas para estimular talentos entre a mocidade e fomentar a elección das carreiras STEM entre as mozas galegas. Estes temas son os piares sobre os que se apoia a cuarta edición de A Luz da Ciencia, xornadas impulsadas pola Deputación da Coruña a través da área de Patrimonio. Comezaron o día 13 e proseguirán este sábado 15. Como dixemos abórdanse cuestións como os novos enfoques da comunicación STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemática), a perspectiva de xénero, a realidade laboral e o teito de cristal.
En definitiva, a loita para lograr a plena visibilidade dos logros das mulleres en investigación e os esforzos para incrementar a súa presenza nas carreiras STEM son os dous grandes obxectivos das xornadas.
O deputado provincial de Patrimonio, Xosé Lois Penas, foi o encargado de inaugurar as actividades do programa, na tarde deste xoves no Pazo de Mariñán (Bergondo). “Estas xornadas teñen un cometido duplo”, dixo, engadindo que por unha banda “queren crear vínculos entre a sociedade científica en xeral e, por outra, mostrar as dificultades que se atopan as mulleres á hora de formarse, incorporarse a un mercado laboral e, o que aínda é peor, poder desenvolver unha carreira profesional de dedicación e investigación no eido da ciencia”, explicou Penas.
Penas salientou o “privilexio da contar estes días no Pazo de Mariñán e no Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía da Coruña (MUNCYT) cunha parte importante de investigadoras, comunicadoras, docentes e técnicas que van facer que máis que nunca poñamos algo de luz sobre a ciencia”.
De feito, o MUNCYT da Coruña acollerá parte das actividades da segunda quenda do programa, a deste sábado 15 de xaneiro.
A responsábel de Igualdade, María Muíño, apostou pola transversalidade para romper as barreiras da discriminación por sexo: “Entendemos que o traballo pola igualdade de xénero, para ser expansivo, para acadar unha transformación real, ten que chegar a todas as áreas e a todas as accións de goberno”. Segundo fixo saber, “amais da falta de invisibilidade, existen outras moitas barreiras que é necesario derrubar e que cómpre analizar, e con esta idea nos xuntamos nestas xornadas, que nos ofrecen a oportunidade de analizar os cambios lexislativos que deben contribuír a minimizar desigualdades e a acadar o avance das mulleres na carreira científica”.
Relatorio
Mireia Colom e Susaina Figuera (da Fundació catalana per a la recerca i la innovació) levaron ao programa o relatorio Didáctica das ciencias experimentais, no que se abordaron temas como a análise da didáctica das ciencias experimentais e a segregación nas formacións científicas, a educación CTIM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería e Matemáticas), o tratamento da perspectiva de xénero e a ciencia nas aulas, a reflexión sobre a necesidade de fomentar a vocación científica e a importancia da visualizar as mulleres na ciencia e a procura de referentes. Tamén interviron, vía streaming, Patricia Canut, Gemma Serra, Mari Luz Guenaga e Maria José Lodeiros.
As xornadas continuarán este sábado no Pazo da Mariñán (18 horas) coas palestra Ciencia, investigación e xénero, a cargo de María de la Fuente Freire, Elena Lendoiro Belío, Vanessa Valdiglesias García e Zulema Varela Río, todas da da Rede galega de investigadoras. Rematarán o sábado no MUNCYT (11.30 horas) co relatorio Divulgación, comunicación científica e xénero, a cargo de Maite Vence, de Observer; Isa Loureiro, ilustradora, e Paula Otero Sánchez, divulgadora e científica do grupo de investigación xenomas e enfermidade.

PUBLICIDADE