A Deputación da Coruña pon o foco nas redes para explicar o que é a UE entre a rapazada

venres, 13 de maio do 2022 S. P.

Europe Direct A Coruña estrea na Semana de Europa a campaña audiovisual Eu sei da UE, unha innovadora iniciativa de difusión da Unión Europea que pon o foco na rapazada dos centros escolares da provincia e que busca promover o coñecemento das institucións programas e símbolos da Unión entre a poboación máis nova (e adulta) de xeito “informal e ameno”. A campaña difúndese nas redes sociais de Europe Direct A Coruña. Arrincou o 9 de maio e estenderase até finais de mes.
Consta de oito vídeos sobre a bandeira e o himno da UE, as súas institucións, o lema, o mapa europeo e iniciativas como o Erasmus ou o Pacto Verde Europeo, entre outras cuestións. Os vídeos están subtitulados tanto en galego como en inglés. Nela participan dous CEIP do Concello de Oroso, o Camiño Inglés e o Sigüeiro.
Europe Direct A Coruña é un centro de información oficial da Comisión Europea que pertence á Deputación da Coruña. A misión do centro, que iniciou a súa traxectoria no ano 1996, é traballar coa cidadanía, os medios de comunicación e as entidades locais cos obxectivos de implicar á poboación en temas europeos, amais de proporcionar contidos sobre as políticas e as prioridades da UE.


PUBLICIDADE