A Deputación da Coruña presenta a plataforma de recollida de datos turísticos da comarca do Eume
venres, 12 de xullo do 2024
A Deputación da Coruña presentou en Pontedeume a plataforma de recollida de datos turísticos da comarca do Eume, que forma parte dunha actuación contemplada no Plan de Sostibilidade Turística en Destino Fragas do Eume, promovido pola institución provincial e financiado con fondos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU.
O vicepresidente, Xosé Regueira, deu paso á presentación, trala benvida por parte do deputado provincial e alcalde de Pontedeume, Bernardo Fernández, a unha xornada na que tamén participaron representantes dos concellos da comarca.
A empresa Data Monitoring explicou os detalles da plataforma, que recollerá datos turísticos unificados e en tempo real sobre as persoas turistas e visitantes que chegan á comarca do Eume. Esta información permitirá ás empresas e ás administracións públicas adaptar a súa oferta ás demandas e necesidades reais, e planificar as accións de promoción e mercadotecnia. Todos os datos turísticos estarán dispoñíbeis no Espazo Profesional da Comarca do Eume.
“Estou convencido de que estamos nunha zona que é a gran xoia do turismo de Galicia, unha xoia que debemos coidar, apostando por un turismo responsábel nun parque natural como o das Fragas do Eume no que a sustentabilidade é irrenunciábel”, comentou Regueira, engadindo que “para isto debemos aplicar ferramentas que nos permitan seleccionar o perfil de turista que queremos atraer, e ofrecerlle produtos deseñados á súa medida”.
Regueira sinalou que “esta plataforma é un primeiro paso no camiño a ese turismo de futuro. Somos un territorio turístico consolidado no escenario nacional e internacional, e é o momento de avanzar en intelixencia de datos para deseñar estratexias e produtos en base a esa información”.
O vicepresidente salientou a importancia de “coñecer os datos dos visitantes e turistas, e do seu comportamento en destinos como as Fragas do Eume, para mellorar a competitividade e a sustentabilidade turística”. Deste xeito, explicou, “poderemos continuar avanzando nun turismo que, para nós, só ten razón de ser se repercute de maneira positiva no territorio, económica, social e medioambientalmente”.