A Deputación de Lugo abre o 22 o prazo de preinscrición para o novo curso de audiovisual e TIC

xoves, 11 de xuño do 2020 S. P.

O Centro de Formación Audiovisual da Deputación de Lugo, a antiga Escola de Imaxe e Son da Fundación TIC, anunciou que o 22 de xuño abrirá o prazo de preinscrición para o curso 2020-2021. Serán 20 prazas por ciclo e as matriculas, ademais, achegaranse novamente de balde (por décimo terceira vez consecutiva). Esta achega formativa é froito da aposta da Deputación “por un ensino de calidade e en igualdade de condicións para toda a mocidade da provincia interesada en formarse no eido audiovisual e tecnolóxico, “con independencia da situación económica das súas familias”.
As persoas interesadas atoparán o impreso de preinscrición na sede do centro e na web da Deputación, trala publicación definitiva de admitidos, a matrícula ordinaria poderá formalizarse do 15 ao 30 de xullo.
A Deputación ofrece 20 prazas para cada un dos ciclos, aínda que este número queda condicionado pola evolución da COVID-19, así como a organización das clases en quendas de mañá e tarde, “co obxectivo de garantir a seguridade do alumnado e do persoal do centro formativo”, explicou o ente provincial, engadindo que o prazo de preinscrición estará aberto do 22 de xuño ao 3 de xullo. O 7 de xullo publicarase, no taboleiro de anuncios do centro e na web da Deputación, a listaxe provisional de admitidos, de solicitantes que quedan en listaxe de espera e de excluídos. Do 8 ao 10 será o prazo para as reclamacións, e o día 14 publicarase a lista definitiva de admitidos, en espera e excluídos. A matrícula ordinaria poderá formalizarse do 15 ao 30 de xullo no centro educativo, en horario de 9.00 a 14.00 horas.
550 titulados cunha formación personalizada
Desde a posta en funcionamento da antiga Escola de Imaxe e Son en 2003, arredor de 550 mozos e mozas son titulados dos ciclos de Produción e Realización do centro dependente da Deputación. O seu modelo formativo inclúe un importante número de prácticas en escenarios reais ao longo de todo o curso, nas que o alumnado se enfronta ás esixencias que atopará cando acceda ao mercado laboral. O CFA conta cun profesorado altamente cualificado apoiado por técnicos profesionais con ampla experiencia no eido audiovisual, e unhas instalacións e dotacións modernas, con platós e salas de realización e son.

PUBLICIDADE