A Deputación de Lugo activa un banco online de imaxes da provincia, libre e de balde

luns, 17 de agosto do 2020 S. P.

Novamente a Deputación de Lugo centrouse nas redes para dinamizar turisticamente a provincia e visualizala como un destino seguro, atractivo e recomendábel. Desta volta, a entidade puxo a disposición da cidadanía, das entidades e dos medios de comunicación medio cento de fotografías de alta calidade para que as empreguen con fins comerciais e persoais. A Deputación fixo saber que para tirar proveito deste banco de imaxes online cómpre encher un formulario pendurado na web de Turismo provincial e envialo ao correo turismo@deputacionlugo.org indicando as instantáneas que se desexan empregar no proxecto.
A deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, informou de que o banco de imaxes é libre e de balde para todos os concellos, empresas, entidades ou calquera persoa interesada. Son un total de 48 imaxes dos catro xeodestinos de Lugo: A Mariña, Ancares-Courel, Lugo-Terra Chá e Ribeira Sacra.
García Porto engadiu que “con este banco de imaxes ofrecemos a todas aquelas persoas, entidades públicas ou privadas e a medios de comunicación un contido único e de calidade que poderán utilizar para o seu uso comercial ou persoal”. O obxectivo, dixo, é “situar á institución provincial como a fonte oficial para a distribución de fotografías da provincia de Lugo destinadas á promoción turística e a reforzar a imaxe do territorio lucense”.
Tamén fixo saber que se trata de fotografías que responden “aos máis altos estándares de calidade”.
Pilar García Porto subliñou que este é “un paso máis para a dixitalización da información turística da provincia de Lugo na que a Deputación está a traballar co fin de promover o turismo a través das novas tecnoloxías”. A titular de Turismo recordou que nos pasados días xa se informou a todos os alcaldes e alcaldesas da provincia de que se puxeron á súa disposición os contidos da aplicación Inventrip e fixéronselles chegar carteis con códigos QR que enlazan con información sobre os principais recursos da provincia.

PUBLICIDADE