A Deputación de Lugo adxudica por máis de 1 millón de euros o material informático de Impulsa TIC

venres, 14 de xuño do 2024 S. P.

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou o subministro e instalación de computadores, tabletas, escáneres ou software para mellorar os procesos administrativos e proporcionar un servizo máis áxil e eficiente para a veciñanza, ao abeiro do programa Impulsa TIC.
“Unha vez adxudicada a parte da programación, das aplicacións e do software necesario para avanzar na modernización das entidades locais, agora é a quenda de adxudicar os medios físicos e materiais deste proxecto”, detallou a voceira Socialista do Goberno, Pilar García Porto.
A institución provincial puxo en marcha este proxecto (Impulsa TIC), financiado con 4,5 millóns de euros da Unión Europea, e que se desenvolverá ata o 30 de setembro nos 52 concellos da provincia adheridos,“co obxectivo de colaborar cos concellos da provincia para avanzar na súa transformación dixital e ofrecer un mellor servizo público”.
García Porto concretou que na reunión do Goberno deste 14 de xuño quedou adxudicado o lote 1, dedicado ao subministro e instalación dos novos equipos informáticos da oficina de asistencia en materia de rexistro á empresa Micromedia SL por un importe de 224.763 euros; o lote 2, destinado a tabletas e o software para recoller a firma biométrica, á empresa Solitium SL por un importe de 91.132 euros; un terceiro lote a escáneres de mesa e o software para converter documentos en formato editábel, do que tamén se encargará a empresa Solitium SL por un importe de practicamente 100.000 euros; e finalmente, un cuarto lote, para a posta en marcha de postos intelixentes para os concellos resilientes, que neste caso, queda adxudicado á empresa MicromediaSL por un importe de 603.952 euros.