A Deputación de Lugo contribúe á reactivación turística da Mariña cunha aplicación móbil

xoves, 30 de xullo do 2020 Sonia Pena

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, presentou este 30 de xullo unha aplicación móbil para o impulso, a innovación e a transformación do sector turístico da comarca da Mariña. A app foi dada a coñecer na compaña dos alcaldes, alcaldesas e representantes municipais dos 16 concellos mariñaos. A cita foi na contorna da praia de Portelo, en Burela. Segundo se fixo saber, trátase dunha ferramenta tecnolóxica que ofrece un acceso rápido e sinxelo a información clara e actualizada sobre recursos patrimoniais, hostalería, rutas, actividades ou eventos de interese para visitantes e residentes.
José Tomé subliñou que “neste momento, esta ferramenta dixital de promoción turística que impulsa a Deputación axudará a paliar os desastrosos efectos que tivo para o turismo, a hostalería e o comercio o confinamento e o rebrote do coronavirus”. Tamén explicou que a ferramenta, chamada Turisgalicia A Mariña, preséntase como unha guía dixital de doado uso, útil e accesíbel para visitantes e residentes.
O presidente da institución provincial, José Tomé Roca, xunto á deputada de Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, salientaron o carácter específico, innovador e pioneiro da ferramenta, “a única aplicación para dispositivos móbiles que promove en conxunto o turismo de todos os municipios mariñaos con información turística, recursos e servizos de utilidade, tanto para persoas viaxeiras que visiten o norte da provincia de Lugo, como para a veciñanza”.
No acto de presentación tamén participaron o alcalde do Concello de Burela, Alfredo Llano García, o presidente da Mancomunidade da Mariña, Francisco Cajoto, a responsábel de Comunicación de Turisgalicia, Marta Nogueiro, a xefa territorial de Cultura e Turismo de Lugo, María José Gómez, o presidente da Federación de Comercio da Mariña, José Carlos Paleo e o presidente do GDR Terras de Miranda, Vidal Martínez-Sierra.
A nova app de turismo da Mariña contén eventos, experiencias para desfrutar da comarca, rutas, festivais, lugares para visitar, praias e portos deportivos, negocios de hostalaría para comer e durmir, entre outros recursos. Tamén ofrece propostas turísticas relacionadas coa artesanía, espazos amigábeis coas mascotas (pet friendly) e información para peregrinos do Camiño do Norte e do Camiño do Mar.
Tomé subliñou que na liña de contribuír a reactivar a actividade turística, hostaleira e comercial dunha maneira estábel e eficaz “vimos traballando dende a Deputación de Lugo dende antes de acabar o Estado de Alarma poñendo en marcha a campaña En Lugo, Si, que proxecta todos os valores e fortalezas que ten a provincia como lugar seguro, de confianza, de calidade e de oportunidades para comprar, consumir, o lecer, para pasar as vacacións, e tamén para emprender”.
Actualización diaria
Os contidos da aplicación actualizaranse a diario con novos eventos culturais e información dos 16 concellos da Mariña: A Pontenova, Alfoz, Barreiros, Burela, Cervo, Foz, Lourenzá, Mondoñedo, O Valadouro, O Vicedo, Ourol, Ribadeo, Riotorto, Trabada, Viveiro e Xove. Tamén inclúe os folletos promocionais das oficinas municipais de información turística para que os visitantes podan consultalos no seu móbil e eviten manipular papeis e previr a COVID-19.
A ferramenta ofrece ademais un servizo de información de utilidade para os concellos e os veciños, xa que integra un sistema de alta de avisos por WhatsApp a través do cal calquera persoa pode recibir voluntariamente, no seu móbil, mensaxes coas novidades municipais, avisos e eventos do concello sobre o que elixa obter información. Está dispoñíbel en castelán e galego, e pódese descargar en dispositivos Android e iOS.
Tomé Roca remarcou a necesidade ter a nosa oferta turística nas redes sociais: “Temos que levar as nosas paisaxes e monumentos á pantalla do móbil. Temos que facer accesíbel a información polos medios que hoxe emprega a maior parte da poboación, sobre todo os máis novos. E temos que reclamar unha cobertura de redes que garanta que a consulta de información a través do móbil non dependa da localización do usuario”.

PUBLICIDADE