A Deputación de Lugo dá a coñecer o palmarés do Concurso de Fotografía das Reservas da Biosfera

venres, 3 de decembro do 2021 S. P.

O Deputación de Lugo deu a coñecer este venres 3 de decembro o palmarés do Concurso de Fotografía das Reservas de Terras do Miño e Os Ancares Lucenses, que nesta sétima edición estaba adicado ós sendeiros e vías e camiños tradicionais destes territorios protexidos que xestiona a entidade provincial. As imaxes admitidas e finalmente distinguidas serán visualizadas nunha exposición virtual, seguindo a mesma liña da exposición que exhibe as fotografías da convocatoria previa.
Lina Iglesias Forneiro, pola súa obra Camiño Primitivo, recibirá o primeiro premio dotado con 800€; Germán Limeres López, coa súa fotografía Lagoa de Cospeito, será galardoado co segundo premio, que está dotado con 500€; e Manuel María Balbas Naveira, que inmortalizou Cores de inverno na senda dos muíños, acadará o terceiro premio, que conta cun importe de 300€. O fallo sairá publicado a semana que vén no Boletín Oficial da Provincia (BOP).
“Coa temática desta edición pretendíamos poñer en valor, dar a coñecer e divulgar o patrimonio natural e cultural destas Reservas da Biosfera que xestiona a Deputación, e que son unha das ferramentas importantes para o desenvolvemento da provincia”, explicou García Porto.
A temática incluía tanto redes de rutas de sendeirismo e itinerarios como o conxunto de vías e camiños tradicionais, co obxectivo de amosara riqueza natural, cultural e paisaxística das reservas Terras do Miño e Os Ancares Lucenses.
Exposición do VI Concurso Fotográfico
Na actualidade, a páxina web da Deputación de Lugo inclúe unha exposición virtual coas trinta instantáneas admitidas no VI Concurso de Fotografía das Reservas da Biosferas Terras do Miño e Os Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá. Esta edición tivo como fío condutor as nosas árbores. A exposición completa pode verse na web de Medio Ambiente da institución provincial.

PUBLICIDADE