A Deputación de Lugo intégrase na Rede de Destinos Intelixentes

mércores, 20 de maio do 2020 S. P.

A Deputación de Lugo anunciou este 20 de maio a súa entrada na Rede de Destinos Intelixentes, entidade estatal coordinada pola Secretaría de Estado de Turismo para visualizar as mellores contribucións españolas á confluencia útil e innovadora entre novas tecnoloxías e turismo. A candidatura da entidade provincial galega foi aceptada na comisión executiva da Rede que se celebrou hoxe por vía telemática e que estivo presidida pola Ministra de Industria, Reyes Maroto. A deputada de Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, amosou a súa satisfacción pola integración da entidade lucense, xa que “será clave para o proceso de reactivación do turismo da nosa provincia e repercutirá positivamente na chegada de visitantes despois da crise da COVID-19”.
García Porto, que fixo fincapé no feito de que a adhesión non supoña compromiso económico algún para a institución lucense, salientou o “valor enriquecedor” que implica “traballar en rede con outros destinos que teñen a mesma filosofía ca nós, que apostan polas novas tecnoloxías e que teñen como fin achegarlle ao visitante outra maneira de descubrir os destinos”.
García Porto engadiu que dende a Deputación “reformulouse a estratexia turística ante o novo panorama actual, pero sempre apostando por iniciativas que estean á vangarda do sector”.
Candidatura
Entre os aspectos que se valoraron para aceptar a candidatura da Deputación de Lugo, tívose en conta a gobernanza a través do Consello Provincial de Turismo, as iniciativas que se están desenvolvendo como a implantación dun sistema de información turística intelixente (a través de plataformas que estarán dispoñíbeis en diferentes dispositivos portátiles) ou, entre outras, a aposta por aplicacións móbiles como Lugo Cambia 360º e Inventrip. “Con estas accións mostramos o noso interese por apostar polo emprego das novas tecnoloxías como ferramenta de consolidación do turismo no territorio. Son unhas actuacións que queremos que se vexan potenciadas grazas a esta integración dentro da Rede de Destinos Turísticos Intelixentes”, subliña.
Sobre a Rede DTI
A Rede de Destinos Turísticos Intelixentes constituíuse o 27 de febreiro de 2019 e ten como obxectivo promover un novo marco de referencia para consolidar a competitividade do modelo turístico español. Este mércores 20 integráronse 16 novos destinos, co que o número de membros da Rede elévase ata os 121 (88 son destinos, 16 membros institucionais e 16 empresas colaboradoras).
Ademais da Deputación de Lugo, na Rede intégranse outros cinco destinos galegos: os concellos de Ourense, Sanxenxo e Vilagarcía de Arousa e as Deputacións de Pontevedra e de Ourense.

PUBLICIDADE