A Deputación de Pontevedra participa nun proxecto que mellora o cultivo de kiwi con tecnoloxía IoT

venres, 6 de setembro do 2024 S. P.

A Deputación de Pontevedra, a través da Estación Fitopatolóxica Areeiro, participa no proxecto Kiwi-Sens, que busca poñer en marcha un sistema integral de monitoraxe de cultivo mediante o uso de tecnoloxías IoT (Internet das cousas) de baixo custe e Intelixencia Artificial con vistas a mellorar da xestión e optimización do cultivo da dita froita en Galicia.
O proxecto, promovido xunto con Kiwi Atlántico, ten un orzamento total de preto de 140.000 euros e está financiado dentro da convocatoria de proxectos innovadores de grupos operativos da Asociación Europea da Innovación (AEI) en materia de produtividade e sostibilidade agrícola e forestal da Axencia Galega da Calidade Alimentaria de 2024 e conta co apoio do FEADER (Fondo Europeo Agrario de Desenvolvemento Rural).
A iniciativa, que se desenvolverá ao longo de tres anos, pretende modernizar os procesos de campo dunha froita de relevancia estratéxica en Galicia, o kiwi, que ademais ten ampla presenza en zonas rurais, polo que estas beneficiaríanse tamén desta dixitalización e creación de novos coñecementos. O proxecto, no que colabora ademais o CIAM (Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo), tamén pretende determinar prácticas para reducir o emprego da auga no cultivo do kiwi, así como para mellorar a predición na aparición de enfermidades no cultivo e optimizar a toma de decisións agronómicas.
A Deputación lembra Galicia e a provincia de Pontevedra son líderes nacionais en produción de kiwi, con máis de 877 hectáreas cultivadas en toda a comunidade e unha produción que supera as 16.000 toneladas anuais. Desde as primeiras plantacións, en 1969 ata agora, o manexo do cultivo foi cambiando, xa que a superficie plantada foi en aumento e se realizaron diferentes investigacións, permitindo desta maneira coñecer mellor o kiwi e conseguir cada vez mellores resultados no seu cultivo.