A Deputación de Pontevedra recibe 2,5 millóns do plan de recuperación para avanzar na transformación dos concellos

venres, 9 de xuño do 2023 S. P.

Transformar tecnoloxicamente os concellos da provincia e adaptar a súa administración aos tempos dixitais é o principal obxectivo dos proxectos que vai desenvolver a Deputación de Pontevedra cos novos recursos dos fondos NextGenerationEU que vén de recibir. O Ministerio de Política Territorial e Función Pública confirmou a concesión dunha achega de 2,52 millóns de euros á institución provincial para facer investimentos en concellos de menos de 20.000 habitantes.
Na primeira das liñas estratéxicas Unha administración orientada á e ao cidadán, a Deputación recibe unha achega de 170.000 € para desenvolver unha plataforma web/app de comunicación coa cidadanía e xestión de incidencias para 36 concellos da provincia, “que permitirá que os e as cidadás poidan comunicar calquera incidencia aos seus concellos, sendo tamén unha canle bidireccional”, explicaron fontes da entidade, engadindo que nesta liña 1 e cun orzamento de 55.000 €, porase en marcha un portal de transparencia para 22 concellos, co fin de que poidan cumprir coa Lei de Transparencia, dando a coñecer á cidadanía toda a información dos distintos indicadores da Lei.
No caso da liña 2, Operacións intelixentes, desenvolverase un sistema automático de xestión de órganos colexiados nos concellos, incluíndo subministro de equipo e software de emisión, gravación e almacenamento de reunións con autenticación dos vídeos, de tal forma que a cidadanía poida seguir en directo ou baixo demanda os plenos do seu concello e as Secretarías Municipais dispoñan dunha ferramenta para xerar de maneira automática as actas dos mesmos. Neste caso, a actuación contará cun orzamento de 600.000 euros e irá dirixida a 32 concellos.
Na liña tres, Goberno do dato, cun orzamento de 100.000 euros para 47 concellos, porase en marcha un sistema para que os concellos poidan explorar, representar, analizar e difundir os datos xerados a partir de diferentes fontes co obxecto de facer un seguimento dos obxectivos da Axenda Urbana Española na provincia e dos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentábel (ODS) e trazar plans de mellora.
Na liña de Infraestruturas dixitais o investimento ascende a 1.066.745 € para dotar aos concellos de preto de 800 postos de traballo intelixentes de última xeración, que faciliten a mobilidade e maximicen a produtividade dos e das empregadas públicas, habilitando así o seu traballo non presencial. Ademais, dotarase ao centro de procesamento de datos (CPD) da Deputación de novos servidores de altas prestacións para poder ofrecer servizos centralizados de almacenamento (cloud) aos concellos, e poder albergar tamén as ferramentas deste proxecto e a información que se xere.
Por último, ao abeiro da liña Interoperabilidade de servizos básicos de administración dixital, que é de obrigado cumprimento, levarase a cabo un proxecto de Integración coa Carpeta Cidadá grazas a unha achega de 530.000 euros, que permitirá á cidadanía acceder de maneira autenticada á consulta dos seus expedientes de maneira e ter, así, unha visión centralizada e detallada da súa información.

PUBLICIDADE