A EOI presenta un estudo sobre a migración dixital dos medios audiovisuais

luns, 22 de marzo do 2010 Fernando Sarasketa

A Academia das Ciencias e as Artes de Televisión e a Escola de Organización Industrial (EOI) están a presentar estes días un estudo pormenorizado sobre a influencia das novas canles do coñecemento na creación, promoción e distribución de filmes, series, curtas ou documentais. O informe, baseado nas opinións de expertos e profesionais dos dous sectores (o das redes e o da creación vinculada á imaxe) preséntase co título A industria audiovisual en España: escenarios de un futuro dixital.
A súa elaboración responde ante todo á necesidade de avaliar polo miúdo o período de cambios fondos que estamos a vivir, cunha migración dixital xeralizada dos medios audiovisuais. Deste xeito, “perante a transcendencia da transformación, faise preciso un diagnóstico da situación actual, así como a previsión de posibles escenarios de futuro”, sinala a Escola de Organización Industrial nun comunicado.
E engade: “Con este libro quixéronse identificar e analizar as necesidades requeridas polo sector para adaptarse a este novo escenario, tentando así de propiciar un pulo cara a un novo modelo de produción acorde coas demandas dunha socedade aberta e globalizada”.
O informe en cuestión, cóntanos o noso compañeiro Fernando Garrido dende a EOI, será presentado o vindeiro luns 29 de marzo na sede da devandita Escola en Madrid e nun acto que contará coa presenza de Alfonso González, director xeral da EOI, Manuel Campo Vidal, presidente da Academia das Ciencias e as Artes de Televisión e Eduardo García, presidente de Corporación Multimedia.

PUBLICIDADE