A ESEI da UVigo pechou 2021 propiciando unha manchea de ofertas de emprego para o alumnado

martes, 25 de xaneiro do 2022 S. P.

A ESEI (Escola Superior de Enxeñaría Informática) da Universidade de Vigo (Campus de Ourense) rematou o ano co peche da V edición do seu Foro de Emprego, recuperando a iniciativa nun formato híbrido tras este ano e medio de pandemia onde non se puido realizar.
Nesta edición participaron de xeito presencial unha vintena de empresas do ámbito TIC de Galicia e en palabras do seu director Francisco Javier Rodríguez, “esta iniciativa axuda a visibilizar nun curto prazo de tempo a dimensión real das posibilidades de emprego que teñen os nosos alumnos e onde eles mesmos comproban que a dificultade reside en decidir ben o seu plan de carreira, non en atopar traballo”.
A dinámica do foro foi centrada en marcar e organizar entrevistas directas entre empresas e alumnado de forma que durante estas 2 semanas realizáronse máis de 360 entrevistas sendo a media de entrevistas ás que asistiu cada alumno de 7. Ao abeiro da actividade xeráronse 60 ofertas laborais.
Aínda que as expectativas de emprego son así de optimistas, desde a ESEI séguese a traballar para “maximizar as posibilidades de acertar nesa carreira profesional ofrecendo distintas actividades formativas en tecnoloxías disruptivas e de actualidade ao seu alumnado e á sociedade”.
De feito, o pasado mes de decembro remataron varias accións formativas extracurriculares realizadas en conxunto con distintas entidades e institucións de Galicia como o Colexio Profesional de Enxeñaría Informática de Galicia, a Deputación de Ourense, o Concello de Ourense, o capitulo español da IEEE Computer Society, a Axencia de Modernización Tecnolóxica da Xunta de Galicia (AMTEGA), a asociación de alumnado UVigoMotorSport, a asociación de empresas promotoras de tecnoloxías Blockchain de España Alastria e máis de 20 entidades empresariais do ámbito das TIC.
Intelixencia Artificial espérase para setembro de 2022
Respecto das novas titulacións de grao e mestrado en Intelixencia Artificial, Francisco Rodríguez indica que “se seguen os trámites correspondentes na Xunta de Galicia onde xa se entregaron as memorias dos devanditos estudos” e “prevese que comecen en setembro do próximo ano 2022”. Haberá na Universidade de Vigo, en Ourense, 50 prazas para o grao en Intelixencia Artificial e 20 prazas para o Master. A previsión é que a páxina web do centro, esei.uvigo.es, acubille en marzo toda a información correspondente ás ditas novas titulacións xunto coas autorizacións definitivas.

PUBLICIDADE