A ETSEI de Vigo achega xa o programa do Congreso tecnolóxico JAI´2010

venres, 3 de setembro do 2010 Raquel Noya

O Auditorio do Centro Social Caixanova, en Vigo, vaise converter este ano, do vindeiro 15 ao 19 de novembro, na sede do Congreso Internacional JAI´2010 (acrónimo das IV Xornadas sobre Tecnoloxías e solucións para a Automatización Industrial), orientado á difusión formativa e informativa das máis innovadoras e avanzadas tecnoloxías de automatización industrial.
O principal obxectivo deste Congreso, que organiza a ETSEI de Vigo dende hai 4 anos, é difundir conceptos técnicos innovadores relacionados co mundo real da automatización de procesos industriais, así como dar a coñecer o “lado humano” da tecnoloxía, ofrecendo relatorios e información de primeira man por parte de profesionais e investigadores cualificados da materia chegados de todo o mundo.
Segundo informan dende a ETSEI, o congreso é unha ocasión “ideal” para que tanto os alumnos dos últimos cursos como os docentes (ben sexan universitarios, de formación profesional ou investigadores) e incluso profesionais da materia, se poñan ó día e renoven os seus coñecementos nas disciplinas de enxeñaría, ao tempo que coñecen de preimeira man as tecnoloxías, solucións e tendencias máis modernas no ámbito da automatización e enxeñaría de procesos industriais.
Todo isto chegará a Vigo da man de técnicos responsables de produtos de empresas multinacionais fabricantes de solucións industriais que son líderes de recoñecido prestixio na eurorrexión, os que, cos seus relatorios, ofrecerán unha visión xeral das necesidades e tendencias desta industria nos diferentes ámbitos.
O programa destas xornadas, ao que se pode acceder dende a páxina oficial do Congreso, inclúe relatorios sobre aplicacións modernas da robótica industrial, sobre tecnoloxías de workflow e mobilidade aplicadas á loxística industrial e sobre ferramentas de recoñecemento facial, entre outras cousas.
Os organizadores do Congreso aseguran que toda planta industrial moderna que desexe afrontar con éxito os retos da crecente globalización e competitividade nos procesos produtivos do seu negocio “debería telas en conta e melloralas de maneira continudada”; xa que logo, estas xornadas serán un punto de referencia para os profesionais do sector que pretenden destacar por enriba da súa competencia.
As xornadas, que se poderán seguir en directo a través da televisión universitaria uvigo.tv, contarán coa asistencia de alumnado procedente das Universidades e centros de Formación Profesional da eurorrexión Galicia-Norte de Portugal e Iberoamérica, e permitirán que os alumnos da Universidade de Vigo convaliden ata dous créditos de libre elección por asistir ás 30 horas.

PUBLICIDADE