A Enxeñaría Técnica en Informática ponse a disposición do Goberno na loita contra o COVID-19

venres, 3 de abril do 2020 Sonia Pena

JPEG - 201.1 KB
O galego Marcos Mata, ex presidente do CONCITI e principal reponsábel do CPETIG, saudando ao presidente actual do CONCITI, Eduardo Peris, durante a pasada renovación da directiva

O Consello Xeral de Colexios Oficiais de Enxeñaría Técnica en Informática, no que se integra o colexio galego CPETIG, puxo a disposición do Goberno a todos os seus titulados, profesionais altamente cualificados, en ámbitos propios da dita enxeñaría técnica, tales como ciberseguridade, computación, sistemas informáticos, Big Data, Intelixencia Artificial, Blockchain, Internet das Cosuas (IoT) e outros moitos eidos relacionados coa materia como é o desenvolvemento de Tecnoloxías de Información.
O devandito ofrecemento, en palabras de Eduardo Peris, presidente do CONCITI, pon de manifesto “a necesidade de ofrecer, nun estado de emerxencia nacional como o que estamos a vivir, derivado da pandemia de COVID-19, unha rede de profesionais de altísimo valor nun intre no que todos os sectores produtivos deben traballar xuntos”. Segundo engade Peris, “hai que lembrar que a tecnoloxía está a desempeñar un papel fundamental en beneficio da sociedade para facer fronte ao coronovirus”, e por iso o Consello Nacional reitera a súa disposición a contribuír en todas as medidas nas que poida ser de utilidade”.
O Consello Xeral de Colexios Oficiais de Enxeñaría Técnica en Informática (CONCITI) é unha corporación de dereito público integrada polos colexios profesionais de grao en Enxeñaría Informática e Enxeñaría Técnica en Informática existentes nas diferentes comunidades autónomas de España.

PUBLICIDADE