A FC Pocket HDMI preséntase como unha Nintendo Switch retro

luns, 14 de agosto do 2017 Marcus Fernández

O vindeiro 20 de outubro vai saír á venda no Xapón a un prezo de 14.904 iens (115,50 euros) unha consola de videoxogos chamada FC Pocket HDMI que poderiamos considerar como unha fusión entre os dous grandes éxitos de Nintendo nos últimos meses: a Nintendo Switch e a NES mini.
A FC Pocket HDMI sería unha consola portátil con pantalla de 7 polgadas capaz de correr cartuchos da primeira consola de Nintendo (a NES) pero que, ao contar con saída HDMI, tamén funcionaría como unha consola doméstica se a conectamos a un televisor, para o que tamén conta con adaptador de corrente e dous mandos sen fíos cun deseño semellante aos clásicos de Nintendo, de xeito que permite reproducir a experiencia de xogo da consola clásica dun xeito cómodo tanto no fogar como en mobilidade.
Esta consola que pode empregarse coa mandos integrados ou cos controladores sen fíos chegará ao mercado nipón con 112 xogos precargados, descoñecéndose polo momento se terá distribución internacional, o que agradecerían moitos dos entusiastas que non puideron facerse cunha NES mini, e que agora non só poderían ter un dispositivo máis versátil, senón tamén moito máis cómodo de empregar para rememorar os xogos que sentaron os alicerces da Nintendo actual.

PUBLICIDADE