A FIC acolle unha sesión de seguimento do lanzamento do satélite Gaia, no que participa a UDC

mércores, 18 de decembro do 2013 Redacción

A aula de graos da Facultade de Informática dará acubillo este xoves ás 10:00 horas á presentación do dispositivo de seguimento do lanzamento do satélite Gaia desde a Güiana francesa e que contou para o seu pulo e materialización coas achegas dun grupo de investigadores da Universidade da Coruña. Segundo informa a UDC, este aparello aeroespacial vén da man da Axencia Espacial Europea e ten como obxectivo realizar un censo de mil millóns de estrelas para crear un mapa tridimensional completo e preciso da Vía Láctea. “Isto”, engádese, “permitirá estudar a súa evolución e composición, así como avanzar no estudo da orixe da materia e enerxía escura ou a análise de obxectos exóticos como os quásares”.
A sonda Gaia orbitará arredor do Sol a unha distancia de 1,5 millóns de quilómetros da Terra. Segundo explican os investigadores da UDC, esta posición é a todas luces privilexiada, e axudaralle a manter unha temperatura moi estábel e evitar que a proximidade do Sol, a Terra ou a Lúa perturben os instrumentos de observación.
A Universidade da Coruña participa tanto no desenvolvemento da misión como na futura análise da información que se xere obteñan durante os cinco anos que terá de actividade o aparello. Para explicar a participación da Universidade da Coruña neste proxecto inaugurarase este mércores na Domus, ás 18.00 horas, a mostra Mil millóns de ollos para mil millóns de estrelas, sobre a misión espacial Gaia. Participarán na apertura da exposición Minia Manteiga Outeiro, doutora en Astrofísica e profesora da Universidade da Coruña, responsábel do Grupo Galego Gaia en ESA DPAC; e Bernardino Arcay Varela, catedrático da área de Computación e Intelixencia Artificial da UDC, director do grupo de investigación Laboratorio Interdisciplinar de Aplicacións da Intelixencia Artificial e membro de Gaia-DPAC.

PUBLICIDADE