A Fundación Telefónica impulsará a finais de ano seis novas Lanzadeiras galegas de Emprego

luns, 5 de setembro do 2016 Fernando Sarasketa

Participantes na edición das lanzadeiras galegas de 2016Imos ter máis Lanzadeiras de Emprego de Galicia, unha iniciativa de formación e cooperación contra o desemprego posta en marcha pola Fundación Telefónica xunto coa Fundación Santa María A Real e, para a nosa terra, a Consellería de Economía e Industria. Máis polo miúdo, a ampliación destas palestras formativas abeiradas ás novas tecnoloxías materializarase a finais de ano con seis novos puntos de “lanzamento” en territorio galego. Así nolo contaron este luns os principais impulsores do programa reunidos en Compostela, na Cidade da Cultura, ao abeiro da celebración do Encontro en Lanzadeiras de Galicia 2016.
Participaron na xeira de hoxe o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde; a secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca; a directora de Telefónica en Galicia, Marta Menéndez; o director de Coordinación Territorial de Fundación Telefónica, Joan Cruz; e máis a técnica de Comunicación do Programa Lanzadeiras na Fundación Santa María A Real, Marta Prieto.
Ademais, fixeron acto de presenza na cita celebrada na Cidade da Cultura as 150 persoas que se benefician arestora do devandito programa formativo-colaborativo na nosa terra. A convocatoria actualmente en activo abrangue lanzadeiras nas seguintes localidades galegas: Marín, Redondela, Arteixo, Lugo e Santiago (en colaboración coa Xunta) e Ourense (co Concello). A elas, como dixemos, engadiráselles na recta final de ano seis novos emprazamentos máis.
Na xuntanza do Gaiás os representantes das devanditas entidades coincidiron en animar ao centenar e medio de mozas e mozos presentes no acto a proseguir con valentía co camiño iniciado ao abeiro das lanzadeiras, apostando por desenvolver a súa capacidade innovadora e laboral, “que sen dúbida é moita” e que, segundo sinalou o conselleiro de Economía no remate da xornada, “está presente en todos e cada un de nós, o único que é preciso é termos oportunidades para que este potencial abrolle en calquera das súas manifestacións”.
Conde salientou que este programa mellora “a empregabilidade da mocidade e a súa cualificación a través dunha formación que busca a especialización dos participantes que se atopaban en situación de desemprego ao inicio da iniciativa en xuño”. O conselleiro defendeu que a aposta pola formación “permite á mocidade aumentar as súas oportunidades para atopar un emprego de calidade, ao tempo que contribúe a mellorar a competitividade do tecido empresarial e industrial galego ao contar con persoal máis cualificado”. Ademais, dixo, “estas lanzadeiras en concreto ofrecen novas oportunidades para os mozos e mozas dos cinco concellos participantes”.
Ao seu xuízo, estes centros de formación e colaboración afrontan “un problema moi serio”, que é o de contribuír a achegar solucións para o desemprego. Conde salientou tamén o feito de que se afronte este problema do noso tempo con respostas do noso tempo. “Dende un punto de vista económico, somos testemuñas dunha forte irrupción das novas tecnoloxías, que chegaron a todos os eidos da economía e ante as cales as empresas están a reaccionar”, destacou, engadindo que boa parte desta reacción emprega a mesma fórmula da que se tira proveito para as lanzadeiras: “Reaccionan mediante a cooperación”.
A edición en curso
Respecto da convocatoria en curso, o pasado mes de xuño confirmamos a posta en marcha de cinco lanzadeiras: a de Arteixo, a de Lugo, a de Marín, a de Redondela e a de Santiago. A estas cómpre engadir a de Ourense, impulsada co respaldo do Concello. Cada palestra formativa, como sinalamos, está integrada por 25 persoas desempregadas: mulleres e homes con idades comprendidas entre os 18 e os 59 anos. Durante estes meses os participantes das cinco Lanzadeiras de Emprego (150 en total) xuntáronse varios días á semana e nestas xeiras de traballo e formación puideron participar en sesións de adestramento e intelixencia emocional, en dinámicas de comunicación, de marca persoal e de procura de emprego 2.0, en prácticas de entrevistas persoais, en elaboración de mapas de laborabilidade, en visitas a empresas, en reunións con emprendedores e, tamén, en procesos de intermediación laboral con responsábeis de recursos humanos.
As palestras de Arteixo, Lugo, Marín, Redondela, Santiago e Ourense están incluídas nas 145 lanzadeiras que a Fundación Santa María A Real e Fundación Telefónica puxeron en marcha este ano por todo o ámbito estatal, para o que se contou (e se conta) tamén coa colaboración do Fondo Social Europeo.
Segundo informaron daquela os impulsores desta iniciativa laboral, durante 2014 e 2015 as lanzadeiras foron “unha demostración dun proxecto que responde con efectividade ao problema do desemprego” e cuxos resultados de inserción laboral, superiores ao 60%, “convidan a seguir loitando contra esta secuela social do desemprego”.

PUBLICIDADE