A GP2X Wiz sucede á consola portátil de GamePark Holdings (a GP2X)
mércores, 27 de agosto do 2008
A consola de
videoxogos surcoreana GP2X, que é unha das opcións máis interesantes para os
que queiran gozar nun único dispositivo de emuladores de vellas plataformas de
xogos así coma dun reprodutor multimedia con soporte de ficheiros cos codecs de audio e vídeo máis habituais (MP3,
Off, WAV, DivX, XviD e MPEG-4), renóvase unha vez máis, pasando a chamarse o
novo modelo GP2X
Wiz.
A consola inclúe un novo procesador ARM9 a 533 MHz con aceleración 3D, 1 Gb de
memoria interna por defecto, unha batería de litio de 2000 mAH (o que
permitiría o xogo ou a reprodución de vídeo durante unhas 5 horas seguidas),
pantalla táctil OLED de 2,8 polgadas cunha resolución de 320 x 240 píxeles,
micrófono, reprodutor de Flash integrado, reloxo interno, opcións de
multitarefa e a posibilidade de correr vídeos ata 640 x 480 píxeles a 30
fotogramas por segundo.
- A función máis atractiva da GP2X Wiz é a súa oferta de emuladores de plataformas de videoxogos clásicas (de 8 e 16 bits)
Esta revisión da popular consola que funciona con software de código aberto non
supón un incremento de prezo, polo que é de agardar
que en España se venda pronto a uns 119,95 euros na súa versión máis
básica (é habitual atopar paquetes con distintos accesorios a un prezo
lixeiramente superior).
Aparte do hardware, tamén hai que destacar que dende Gamepark prometen que a
consola contará como mínimo cun videoxogo novo cada mes, e tamén publican un
kit de desenvolvemento de xogos para esta plataforma de xeito que agardan que
algúns usuarios se animen a facer os seus
propios videoxogos para esta consola portátil.