A Galiciencia xuntará até o venres preto de 2.900 participantes
mércores, 11 de maio do 2022
Galiciencia,
a maior feira científica que se celebra na nosa comunidade,
arrancaba
na mañá deste mércores 11 de maio no Parque Tecnolóxico de
Galicia baixo o lema da Economía Circular. O seu
obxectivo principal é espertar as vocacións científicas entre o
alumnado de Primaria, Secundaria, Bacharelato e FP. Desenvólvese en
colaboración coa Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía,
Empresa e Innovación da Xunta de Galicia; e co apoio do Ministerio
de Ciencia e Innovación. A feira reunirá ata este venres a un total
de 2.874 participantes.
O vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e
Innovación en funcións, Francisco Conde, visitou a feira e indicou
que se atopa moi contento de retomar a presencialidade neste evento,
así como de poder continuar espertando as vocacións científicas na
xuventude. Entre os 70 proxectos de Primaria, Secundaria, Bacharelato
e FP que participan na feira de xeito presencial, hai multitude de
propostas de campos moi diversos (creación dun coche que se controla
coa mente, un semáforo para persoas con discapacidade
visual-auditiva, unha ventá calefactora, unha boneca de reanimación
cardiopulmonar, etc).
A feira compleméntase con actividades que buscan achegar a ciencia e
a tecnoloxía aos máis novos de xeito práctico e divertido. Un
exemplo disto son os obradoiros de Redeseño Coñecementos!,
destinado ás posibilidades da economía circular; e o taller
Eco-Deseñar, Bio-Fabricar, sobre a importancia de incorporar
o pensamento medioambiental no deseño de produtos que empregamos.
Os rapaces e rapazas de Secundaria e Bacharelato que expoñen os seus
proxectos na feira tiveron esta mañá a oportunidade de asistir e
participar no programa Efervesciencia da Radio Galega, que
conduce Manuel Vicente. Xa na xornada deste xoves 12 de maio, ás
11:00 horas, celebrarase un novo espectáculo de ciencia, que se
poderá seguir a través da canle
de YouTube da Tecnópole.