A Guarda achega dous obradoiros de transformación tecnolóxica para mulleres emprendedoras

xoves, 20 de xaneiro do 2022 S. P.

O Concello da Guarda abre o prazo de inscricións para dous obradoiros tecnolóxicos dirixidos a romper fendas dixitais de xénero. Celebraranse os días 20 e 27 de xaneiro en colaboración coa Fundación Cibervoluntarios. O obxectivo é achegar formación TIC a mulleres emprendedoras. Realizaranse de xeito online a través da plataforma Zoom, polo que tan só é preciso dispor un dispositivo tipo PC, un smartphone ou unha tableta.
Ofértanse dous obradoiros: un de nivel básico sobre Transformación dixital e outro de nivel intermedio sobre Como crear anuncios en Facebook e Instagram.
No obradoiro sobre Transformación Dixital traballarase sobre as vantaxes de dixitalizar un negocio; a creación de perfís en Facebook e Instagram; a importancia da presenza en redes sociais; as diferencias existentes entre grupos, páxinas e perfís privados en Facebook; como crear contidos atractivos e de valor en redes sociais; formatos, encadres e consellos; creación de stories e lives; ferramentas gratuítas existentes e casos de éxito. Será o xoves día 20 de xaneiro en horario de 19:00h a 20:30h.
No obradoiro sobre Como crear anuncios en Facebook e Instagram falarase da creación de anuncios en Facebook e Instagram; a planificación de publicacións; como facer contidos de meirande impacto; consellos para Facebook e Instagram; vantaxes dos anuncios e definición dos obxectivos; lugares, formatos e orzamentos; administración e segmentación de anuncios e rendementos; tipos de audiencias e tipos de segmentacións; ferramentas e casos de éxito, entre outros. Será o xoves día 27 de xaneiro en horario de 19:00h a 20:30h.
As inscricións están xa abertas remitindo un correo electrónico a muller@aguarda.es ou chamando ao CIM ao tel. 986 614 648 indicando o nome, apelidos, teléfono e correo electrónico.

PUBLICIDADE